DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os conxuntos masculino e feminino de baloncesto gañaron os encontros disputados

Unha fin de semana positiva en baloncesto pero negativa en rugby

O Campus Ourense Rugby perdeu contra o Lalín un partido decisivo para loitar polo título de liga

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 04/03/2013

Os equipos do campus de Ourense xogaron esta fin de semana encontros de liga pero o resultado foi desigual. En baloncesto, o conxunto masculino conseguiu rachar a serie de sete derrotas consecutivas que acumulaba gañando ao Estudantes Lugo Leyma Natura e o equipo feminino mantense primeiro na táboa despois de acadar unha vitoria fronte ao Porriño Bto Base Grupo Pescanova. En rugby, os xogadores ourensáns perderon contra o Lalín RC e deixan de ter opcións a loitar polo ascenso e polo título de liga.

Dúas vitorias

En primeira división de baloncesto sénior masculino, o Universitario Campus de Ourense enfrontouse o sábado contra o Estudantes Lugo Leyma Natura, acadando un axustado marcador final de 67-61 puntos. Esta vitoria mantén ao conxunto universitario no décimo posto da táboa, con seis partidos gañados e dez perdidos, e sobre todo racha coa serie de sete derrotas consecutivas que acumulaba nas últimas xornadas de competición. A vindeira fin de semana intentarán consolidar ante o Club Deportivo Recimil este bo resultado.

O categoría sénior feminina tamén gañou o sábado o seu encontro contra o Porriño Bto Base Grupo Pescanova cun marcador final de 72-50 que daba conta da diferenza de xogo entre os dous conxuntos ao longo do partido. Con este resultado, as ourensás mantéñense primeiras na liga, con dez vitorias e catro derrotas, aínda que seguidas moi de preto polo segundo clasificado, o Calasancias, que conta cun partido menos xogado. O Arxil Mafari Café será, a vindeira fin de semana, o seguinte contrincante para o Universitario Campus de Ourense feminino.

Unha derrota

O sábado o equipo sénior masculino do Campus Ourense Rugby enfrontouse ao Lalín RC nun partido clave no que os ourensáns se xogaban as súas opcións na liga galega. Despois da última derrota, contra o Arteixo, o equipo adestrado por Américo víase na necesidade de gañar para evitar o play-off polo descenso, mantendo aínda algunha opción de conseguir clasificarse para loitar polo título de liga. Aínda que estaban moi motivados, os ourensáns non conseguiron remontar o encontro e perderon contra o Lalín RC por un marcador de 5-24. Antes deste partido, o equipo feminino disputou un encontro amigable contra o Muralla Rc. que serviu ás ourensás como preparación para a fase de ascenso que disputarán nas vindeiras semanas.

A pesar deste mal resultado, o club ourensán está de noraboa porque os xogadores do equipo sub 18 Eduardo Babarro, Borja Dopazo, Joel Bayón, Miguel Blanco e Carlos A. Rodríguez foron convocados pola selección galega para disputar o Campionato Autonómico de Seleccións que se celebrou a fin de semana en Lorca.