DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fin de semana de resultados positivos para os equipos de xadrez e rugby

Os xadrecistas continúan líderes mentres que o rugby impúxose a un rival directo pola permanencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 01/02/2010

A última fin de semana do mes de xaneiro deixou resultados moi positivos para os equipos universitarios tanto de xadrez como de rugby que acadaron vitorias de moito peso para os seus obxectivos de cara ao final da liga.
O Universidade de Vigo de xadrez impúxose ao Xadrez Ourense A, resultado que lles permite seguir liderando a División de Honra deste deporte a nivel galego con vinte puntos. O marcador rematou cun 1.5 a 4.5 “cunha das vitorias de libro que máis lles gustan aos adestradores, vitorias dos xogadores de pezas brancas e empates dos de negras”, explica Pablo García, capitán do equipo. Gañaron, deste xeito, o propio Pablo García, o campión galego Rafael Rodríguez e unha das promesas, Daniel Vila, debutante no combinado universitario. Con pezas negras remataron en empate Manuel Pena, Miguel Senlle e Alberto Estévez.
Por detrás do Universidade está, no segundo posto, o Marcote que volveu gañar esta fin de semana axustando moito a parte alta da táboa. A vindeira xornada, os universitarios recibirán ao Algalia A, “un dos equipos máis completos pero que non pasa por un dos seus mellores momentos”, apunta García. O partido será o sábado ás 17.00 horas na sala de xadrez do Servizo de Deportes do campus de Vigo.

O equipo escolar faise dono da 1ª división de xadrez

Para o combinado escolar do equipo de xadrez foi esta tamén unha moi boa fin de semana xa que, ao imporse ao Fisher A en Moaña, acadaron o primeiro posto da táboa.
Así, os escolares comparten esta posición á cabeza da táboa co Liceo Academia Postal Ourense, un dos favoritos ao ascenso. Lograron a vitoria para o Universidade de Vigo-Xadrez Galego Philip Adams, Samuel Villar e Ricardo Baldwin e empatou David Pérez. Ademais, o domingo disputaron tamén o encontro aprazado da primeira xornada ante A Pera de Ourense que rematou cun resultado final de 2 a 2.
A vindeira xornada os universitarios reciben ao pechacancelas, o Infortui A nas instalacións de Xadrez Galego en Vigo a partir das 17.00 horas.

Vitoria do Ednon Universidade de Vigo

Tras varias xornadas de parón, o Ednon Universidade de Vigo de rugby retomaron a actividade cunha vitoria que lles dá aos vigueses novos folgos para afastarse do descenso e consolidarse na División de Honra B. O desprazamento a Durango saldouse este domingo cun contundente 3-15 ante o que é un rival directo para manter a categoría. Así, os vigueses quedan no quinto posta da táboa, mentres que o Hernani segue líder.
Non correron tanta sorte o resto das categorías participantes nesta disciplina, posto que tanto o equipo feminino coma o xuvenil perderon ante os seus rivais e o equipo B tamén rematou a fin de semana cunha derrota moi axustada. As xogadoras da Universidade recibiron este sábado ao equipo leonés para disputar o encontro correspondente á cuarta xornada, que resultou ser complicado para o conxunto vigués, que non tivo ningunha opción ante o seu rival, acadando un resultado de 19 puntos a 0. Pola súa banda, o equipo xuvenil desprazouse ata o campo de Acea da Ma para xogar fronte ao Zalaeta, que liderou o encontro. O marcador rexistrou un 36-15 que daba a vitoria ao equipo coruñés, que a pesares deste resultado sitúase no quinto posto da táboa, un por debaixo do equipo da Universidade, cunha diferenza de tres puntos. Mentres, o domingo, o equipo B viuse superado polo Fendetestas nun encontro que se saldou cunha derrota moi axustada por parte do equipo da Universidade, que acadou un total de 11 puntos fronte aos 14 do conxunto rival. Con este resultado, o conxunto vigués segue no quinto posto da clasificación, seguido de preto polo Mareantes RC.