DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A fin de semana sáldase con derrota para os dous equipos de baloncesto do campus

Os rapaces caeron por 69-61 e o equipo feminino por 58-50

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 27/10/2008

Os quilómetros da viaxe ata Lugo e o complicado da cancha foron determinantes para que o equipo masculino do campus perdera contra o Clube Baloncesto Xove. Porén, o adestrador, Javier Pérez, non esquiva a responsabilidade do resultado xa que “o equipo non estivo ao nivel que debería” comentou. Un marcador final de 69-61 amosou a superioridade do equipo contrario. Os xogadores do Campus Universitario “non estiveron acertados dende fóra e o ritmo do partido, aínda que foi alto, non axudou a meter máis canastras”, afirmou Pérez. A idea inicial do adestrador era acadar un partido a 80 puntos, “xa que aos do Xove cústalles bastante anotar, sen embargo, os erros cometidos fixeron imposible acadar esa meta”, subliñou.
O próximo encontro terá lugar no Pavillón de deportes do campus o sábado día 1 de novembro ás 17.00 horas. Os xogadores enfrontaranse, desta vez, ao último clasificado da liga, a Compañía María Asesoría Espiñeira. A pesar de que este equipo non gañou ningún partido no que vai de tempada, “hai que terlles respecto, xa que iso non é garantía de que sexa para nós un partido gañado”, dixo Pérez. Con todo, será un encontro complicado para os xogadores, “xa que temos moito que perder e nada que gañar”, concluíu o adestrador.

Nova derrota para o equipo feminino

O equipo feminino, pola súa banda, acumula unha nova derrota na quinta xornada da tempada tras o partido contra o Ensino Las Candelas. Cun resultado de 58-50, as xogadoras do Campus Universitario mantéñense no posto 12, o penúltimo da clasificación. O próximo partido xogarase o sábado 8 de novembro ás 17.00 horas no Pavillón de deportes do campus. Nesta ocasión o rival a bater é o Pavillón Ourense, o que lle proporciona ao partido un interese engadido, xa que a bancada terá que repartirse entre dous equipos da mesma cidade.