DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Campus Ourense Rugby, pola contra, sofre a súa primeira derrota na liga contra o líder, o CRAT A C

Fin de semana de triunfos para os equipos júnior e sénior masculino de baloncesto

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 26/10/2009

Esta fin de semana foi moi proveitosa para os equipos júnior e sénior masculino de baloncesto, que saldaron os encontros que disputaron con vitorias. O Campus Ourense Blanco Amor, o cadro júnior, afrontou a etapa eliminatoria da fase clasificatoria para a Liga Galega enfrontándose con éxito ó Clube Baloncesto Baiona. O Campus Ourense Universidade de Vigo, o cadro sénior, derrotou tamén ós de O Meco Santo Ángel, de O Grove. O Campus Ourense Rugby, pola súa banda, sufríu a súa primeira derrota na liga ante o líder, o CRAT A Coruña.
Despois de quedar primeiros na fase clasificatoria para a Liga Galega, o equipo júnior masculino de baloncesto, o Campus Ourense Blanco Amor, enfrontouse esta fin de semana a unha eliminatoria contra o Clube Baloncesto Baiona. O partido de ida xogárono en Baiona, gañando os ourensáns por unha diferenza de 33 puntos. O partido de volta, xa en Ourense, saldouse cunha nova vitoria para o cadro ourensán, que acadou 27 puntos de diferenza fronte ó seu rival. Para o adestrador do equipo ourensán Miguel González." os de Baiona son un cadro que posúe un bo quinteto inicial, pero ao que lle falta banquillo". Nas súas palabras, “os rivais son un equipo con bos xogadores iniciais, pero á hora de facer cambios os reservas non teñen esa mesma calidade no xogo. Nós, pola contra, somos un equipo completo, e isto permitiunos sacarlles moita vantaxe no último carto do partido”, asegura.
Superada a proba eliminatoria, o Campus Ourense Blanco Amor comezará a disputar os partidos correspondentes á Liga Galega de Baloncesto. O primeiro encontro está previsto para a primeira fin de semana de novembro, pero aínda falta por confirmar a data e o equipo rival. É a primeira vez que o equipo júnior xoga na Liga Galega, unha experiencia que asumen con ilusión e na que traballarán duro “para pelexar tódolos partidos e dar unha boa imaxe”, sinala o adestrador.

Un equipo rival sancionado con sete faltas técnicas ao longo do encontro

O cadro sénior masculino, o Campus Ourense Universidade de Vigo, atópase disputando a Liga Autonómica de Baloncesto. Tras unha primeira xornada na que foron derrotados, na segunda disputada a pasada fin de semana, gañaron ao Meco Santo Ángel (O Grove) por 95-61. O partido tivo unha primeira parte bastante igualada, e foi na segunda parte cando o cadro ourensán puido impor o seu ritmo. Para Javier Pérez, adestrador dos sénior, unha das bazas que posibilitou a vitoria dos seus xogadores "foi o nerviosismo que dominou aos de O Grove, que foron sancionados con sete faltas técnicas ao longo do encontro".
O próximo partido do cadro sénior de baloncesto terá lugar o día 31 de outubro en Pontevedra, contra o CBB Pontevedra. Javier Pérez afronta esta cita coa esperanza da vitoria, xa que o cadro pontevedrés aínda non gañou ningún partido e vai de penúltimo na táboa clasificatoria.

O líder derrota ao Campus Ourense Rugby por 10-22

O Campus Ourense Rugby perdeu esta fin de semana contra o líder da categoría, o CRAT A Coruña Universidade, por 10-22, un resultado que afianza aos coruñeses na cima da clasificación, e que deixa ao Campus cunha bagaxe dunha vitoria e unha derrota. O encontro foi lento dende o primeiro momento, o que deu protagonismo ás dianteiras de ambos equipos, que loitaron cada posesión da pelota. Os coruñeses estiveron todo o partido por diante, e con 3 ensaios impuxéronse aos ourensáns que non puideron remontar a pesar de intentalo por todos os medios no final do encontro.
A vindeira semana, os ourensáns viaxan a Oviedo para enfrontarse ao Cowper RC, equipo recén ascendido.