DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xogadoras de rugby e baloncesto gañaron dous dos partidos máis complicados da tempada

Fin de semana de vitorias para os equipos femininos do campus

Pola súa banda, os de David Monreal caeron fronte ao Mareantes e os de Rubén Cortón ante o Estudiant

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 10/11/2014
Os equipos deportivos femininos do campus de Ourense tiveron a sorte de cara esta fin de semana. Mentres as xogadoras tanto de rugby como de baloncesto conseguiron dúas importantes vitorias nun dos encontros máis difíciles da tempada, os equipos masculinos caeron derrotados a pesar de todos os esforzos.

En rugby, as rapazas do Campus Ourense Feminino desprazáronse ata Vigo para disputar un derby universitario ante o equipo do campus vigués, un encontro non exento de dificultade no que as xogadoras conseguiron combinar con gran acerto a súa veteranía coas novas incorporacións. Cun 18 a 34 no marcador, as ourensás sumaron a segunda vitoria da tempada. A vindeira xornada mediranse na casa ao CR Arquitectura Técnica de A Coruña, onde esperan ampliar o seu número de vitorias.

Pola súa banda, o equipo sénior masculino do Campus Ourense non foi quen de superar aos pontevedreses do Mareantes e perderon na casa por 17 a 28 na cuarta xornada de Primeira Territorial. Os de David Monreal mediranse na vindeira xornada ao Universidade de Vigo RC ‘B’, nun derby que promete ser de alta intensidade.

Arranque con vitoria

Comezo ligueiro para as rapazas do CB Universitario Campus Ourense de baloncesto, que comezaron a súa andaina esta tempada na 1ª División Autonómica Feminina cunha importante vitoria por 53 a 49 ante o Calasancias coruñés. As de Gonzalo González, que se enfrontaban a a un dos equipos favoritos a optar á primeira posición da liga, tiveron que esforzarse para sacar adiante un partido moi igualado en todo momento no que o Campus Ourense soubo administrar unha renda de catro puntos nos últimos dous minutos de partido. O próximo encontro será o domingo 16 ante o Universidad de Ferrol, onde esperan seguir mantendo a boa racha.

Os que non tiveron tanta sorte foron os rapaces do equipo masculino, que perdeu por 63 a 52 ante un sempre impredecible Estudiantes de Lugo. Tras dúas derrotas consecutivas na casa, aos de Rubén Cortón pesoulles a ansiedade e a inexperiencia de moitas das novas incorporacións ao equipo. A vindeira semana mediranse no seu pavillón ante o CB Culleredo.