DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os xogadores de rugby venceron aos de Lalín por un resultado de 13-12

Fin de semana de vitorias para os equipos de rugby e de baloncesto

Os cadros de baloncesto consolidaron os seus postos na clasificación ao vencer aos seus rivais

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 30/11/2009
Os equipos de rugby e de baloncesto deixaron un bo sabor de boca no deporte universitario ao vencer aos seus respectivos rivais e consolidar así as súas respectivas posicións nas táboas clasificatorias. Os xogadores de rugby venceron aos de Lalín por un resultado de 13-12, co que fican na sexta praza. O cadro júnior de baloncesto masculino derrotou ao Cidade de Lugo, e o cadro sénior venceu ao Liceo Casino de Vilagarcía. Tamén as xogadoras sénior de baloncesto derrotaron ás viguesas do Seis do Nadal Coia afianzando, deste xeito, o primeiro lugar na clasificación.
Chegou por fin a ansiada segunda vitoria do Campus Ourense Rugby na liga no partido do sábado en Monterrei fronte a un loitador Coreti Lalín RC. Foi un encontro trabado dende o primeiro momento a causa do frío e da choiva no que os ourensáns axiña se adiantaron cun ensaio nos primeiros minutos. O Coreti Lalín RC conseguiu levarse un punto bónus na derradeira xogada do encontro cun ensaio da súa dianteira, que deixou o marcador final nun 13-12. Con esta vitoria os ourensáns fican na sexta praza pero só a dous puntos da cuarta. A vindeira semana descanso ligueiro que virá ben ao equipo para recuperar aos múltiples xogadores que se atopan lesionados.

O cadro júnior de baloncesto vence ao Cidade de Lugo por 69-53

O cadro júnior de baloncesto masculino disputou esta fin de semana a cuarta xornada da Liga Galega contra o Cidade de Lugo acadando un resultado de 69-53 favorable para os ourensáns. Miguel González, o adestrador, asegura que foi a primeira parte do partido a que levou ao equipo á vitoria. Segundo explica, “saímos defendendo agresivos a toda pista, o que provocou numerosas perdas do rival levándonos a conseguir canastas fáciles de contraataque. Tamén protexemos ben a nosa canasta, collendo moitos rebotes defensivos que nos permitiron facer transicións rápidas para que non chegasen a defender cómodos coa súa defensa zonal”. O Campus Ourense chegou ao descanso cunha vantaxe de 19 puntos sobre o cadro rival, “que practicamente decidía o encontro”. Con todo, o adestrador recoñece que, na segunda parte do partido, “o equipo estivo moito menos intenso” e afirma que, aínda que o resultado nunca perigou, “podiamos telo feito moito mellor e gañar o partido por unha diferenza maior”, conta. O equipo volverá xogar o día 13 de decembro contra o BCA.
E vitoria tamén para o cadro sénior de baloncesto, que esta fin de semana xogou contra o Liceo Casino de Vilagarcía ao que derrotou por 67-74. A pesares da vitoria o adestrador, Javier Pérez, confesa que o partido foi “bastante complicado”, pola falta de dous xogadores importantes no equipo e por xogar fóra da casa. Segundo explica, “fomos perdendo durante todo o partido e só nos puxemos por diante no marcador cando faltaban tres minutos para rematar o encontro”. Esta vitoria afianza ao Universitario Campus Ourense no segundo lugar da táboa de clasificación. O próximo partido terá lugar o día 13 de decembro no pavillón universitario, data na que se enfrontarán ao cadro vigués Seis do Nadal.

As xogadoras de baloncesto derrotan ás viguesas do Seis do Nadal por 57-63

O equipo sénior feminino seguiu coa racha de vitorias da fin de semana ao vencer ás viguesas do Seis do Nadal por un resultado de 57-63, o que afianza ao cadro ourensán no primeiro lugar da táboa de clasificación. Roberto Rapela, o adestrador, asegura que o partido foi “tremendamente igualado e moi duro, xa que os árbitros permitiron moito contacto”. Rapela recoñece que o equipo pecou de exceso de confianza ante as viguesas, ás que derrotaran recente e facilmente nun partido amistoso. “Isto provocou un exceso de relaxación defensiva nas xogadoras que levou a que o equipo rival gañase puntos no primeiro cuarto”. De feito, no último minuto do partido o cadro ourensán vencía por un só punto de diferenza, que foi aumentando ata o remate do encontro. O Universitario Campus Ourense volverá xogar o vindeiro día 19 de decembro contra o Allariz. O encontro será no pavillón universitario.