DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os conxuntos de baloncesto consolidan o seu xogo na recta final da liga

Unha fin de semana de vitorias para os equipos universitarios

O Campus Ourense Rugby impúxose ao Bierzo Rugby no primeiro partido da eliminatoria pola permanencia

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 22/04/2013

Na recta final das competicións deportivas, os equipos do campus de Ourense están a dar o mellor de si mesmos. O Universitario Campus de Ourense de baloncesto masculino acadou a súa cuarta vitoria consecutiva nunha liga que comezou moi costa arriba para os ourensáns e na que agora se sitúan novenos. Tamén gañaron as xogadoras de baloncesto, que se manteñen na dura loita por ser campioas de liga. Pola súa banda, o Campus Ourense Rugby impúxose ao Bierzo Rugby no primeiro partido da eliminatoria pola permanencia na competición oficial.

Comezaron a tempada na primeira división de baloncesto sénior masculina acumulando derrota tras derrota salvo contadas excepcións pero o Universitario Campus de Ourense deu un xiro nesta segunda parte da liga e, tras consolidar o seu bo xogo, acumulan catro vitorias consecutivas. Estes bos resultados sitúan aos ourensáns nun noveno posto na táboa, subindo un na xornada 23 disputada esta fin de semana, onde gañaron por un marcador de 77-54 puntos ao CB Tui. O día 27, o conxunto universitario enfrontarase ao Instituto Rosalía de Castro co obxectivo de continuar esta boa racha e acadar un novo punto positivo.

Loitando pola liga e pola permanencia

O Universitario Campus de Ourense sénior feminino tamén acadou unha vitoria no seu encontro desta fin de semana. As xogadoras gañaron 63-59 ao Compañía de María e sitúanse agora terceiras na primeira división autonómica, empatadas coas primeiras e segundas clasificadas, que son respectivamente o Calasancias e o ED Lourenzá Ensino. Os tres equipos, con 18 partidos xogados cada un, contan con 14 vitorias e 4 derrotas, estando só separados a puntos. Haberá que agardar á vindeira xornada de liga para ver se algún destes conxuntos toma distancia na táboa fronte aos outros. O día 28, as ourensás enfrontaranse ao Maristas Cubicaje.

Tamén xogou esta fin de semana o Campus Ourense Rugby sénior masculino, que se impuxo por un marcador de 31-15 ao Bierzo Rugby no primeiro partido da eliminatoria pola permanencia na competición oficial, nun encontro no que os ourensáns dominaron a posesión da pelota fronte a un rival moi sólido que non deu ningunha concesión en defensa. O partido de volta será o vindeiro domingo, día 28, no campo do Bierzo Rugby.