DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o explicou o catedrático Manuel García Velarde na conferencia 'Por que mollan os líquidos?'

Unha fina capa de arredor de 100 nanómetros decide a diferenza entre mollarnos ou non

A súa intervención inaugurou as Xornadas 'A Química, unha ciencia básica'

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 12/05/2011
Se camiñamos pola rúa e comeza a chover e non levamos un paraugas ou un impermeable que nos protexa mollámonos. É un escena da vida cotiá que todos entendemos. Ninguén agarda que sen protexernos as pingas de auga non acaben empapándonos. Sen embargo, e tal e como salienta o catedrático Manuel García Velarde, “detrás dalgo tan simple agóchase un problema de química, de física, de enxeñaría, de matemáticas e de moitas ciencias”. É o problema de Por que mollan os líquidos?. A resposta, unha finísima capa de escala nano que, de avanzadilla do demais líquido, ao entrar en contacto co sólido se forma e penetra no obxecto.

García Velarde, catedrático da Universidad Complutense de Madrid, Premio DuPont e doutor Honoris Causa polas universidades Aix-Marsella I e Saratov I, afondou nesta cuestión nunha conferencia ofrecida este mércores no Centro de Desenvolvemento Novacaixagalicia de Ourense. Con ela inauguráronse as xornadas A Química, unha ciencia básica, organizadas polo Grupo de Termofísica da Universidade de Vigo coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Consello Social da Universidade de Vigo e Novacaixagalicia. O seu obxectivo é que durante catro sesións cinco científicos sénior de recoñecido prestixio estatal e internacional, amosen ao público xeral como a química é básica nas súas vidas.

Cun amplo coñecemento da materia grazas ao seu traballo en física de fluídos, García Velarde explicou aos asistentes como os líquidos nos rodean, dende o máis minúsculo ata o máis grande, e como o a súa dinámica explica cousas da vida cotiá, desde por que a auga molla ata por que o impide un impermeable. Ao tratarse de cuestións do día a día, advertiu o investigador, “damos erroneamente por feito que o entendemento xa está feito, que desde sempre a ciencia tivo unha explicación a estes fenómenos”. Sen embargo, advirtiu, houbo que agardar ata desenvolvemento da física cuántica para poder entender todo o proceso de algo tan aparentemente sinxelo como o mollado.

O momento do contacto

Para entender ese proceso, García Velarde salienta que a clave está concentrada nunha fina capa do líquido de arredor de 50-100 nanómetros. Esta capa, tendo en conta as propiedades do líquido, do material co que vai contactar e do ambiente, será a que se forme ou non e penetre na superficie de contacto e empape ao obxecto. “Cando se derrama unha gota sobre un sólido todo se decide ao principio, nesa finísima capiña que é a que manda, a que tira do resto do líquido, a que segundo o contacto co obxecto se expandirá ou non e a que dde que modo o fará”.

Falando dunha cuestión aparentemente tan sinxela pero que agocha tras de si un coñecemento científico complexo, García Velarde salientou a importancia de que o público xeral se achegue á ciencia a través do entendemento de cuestións presentes no seu día a día. “A xente pensa que a ciencia se ocupa só de cousas extravagantes pero tamén o fai da vida ordinaria, a ciencia está na nosa vida cotiá”.

Para continuar afondando nesta liña, as xornadas A Química, unha ciencia básica continuarán o vindeiro día 18 de maio cunha conferencia de Antonio Javier Borderías, profesor do Consejo Superior de Investigaciones Científicas de Madrid, que falará sobre de que forma se conservan os alimentos. Será ás 20.00 horas no Centro Sociocultural de Novacaixagalicia, nunha conferencia aberta a todos os interesados.