DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno aprobou a normativa que implica aos centros na consecución de obxectivos

O financiamento por contratos-programa chegará aos centros en 2013

Luz verde aos orzamentos para 2012 e ao Plan de prevención de riscos laborais

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 21/12/2011

Coa aprobación hoxe por parte do Consello de Goberno da normativa que regula os contratos-programa coas escolas e facultades dáse o primeiro paso cara á aplicación dun modelo de financiamento que será efectivo nos centros da Universidade de Vigo a partir do ano 2013. Coa aprobación de esta normativa ademais de dar cumprimento ao Plan Estratéxico da Universidade, implícase, segundo explicou o vicerreitor de Economía e Planificación, Xosé Manuel Garcia, aos centros “na consecución dun conxunto de obxectivos favorables para a institución tanto no seu posicionamento como no seu funcionamento”. Na derradeira sesión do ano os membros do Consello tamén deron luz verde con 29 votos a favor e 3 en contra aos orzamentos para 2012 por un importe de 162.969.745 euros, un 3% menos que en 2011. A aprobación do Plan de prevención de riscos laborais e dos criterios para a elaboración da programación docente anual do vindeiro curso e a presentación da primeira memoria de responsabilidade social corporativa, foron outros asuntos destacados da orde do día do Consello.

Seis son os obxectivos a desenvolver nos contratos-programa: docencia, investigación, transferencia, adaptación a outras demandas sociais, proxección internacional e xestión, obxectivos que coinciden na súa estrutura básica cos definidos como áreas de acción no Plan de Financiamento do SUG. Cun 30% a investigación é o obxectivo que acada maior porcentaxe; seguida da docencia cun 25%; transferencia e adaptación a outras demandas sociais cun 15%; proxección internacional cun 10% e xestión cun 5%. “O financiamento estrutural que é o determinante non entra no contrato-programa, pero o resto de achegas si”, detallou Xosé Manuel García que asegurou que “máis que unha revolución no financiamento dos centos o que se busca é unha ferramenta para a motivación e para aliñar á comunidade universitaria en esta dirección”. Cara ao ano 2013 o vicerreitor de Economía e Planificación comprometeu por parte do equipo un Goberno un incremento dun 10% do orzamento destinado aos centros, ao tempo que manifestou a súa disposición a incorporar no modelo de contrato-programa as achegas que se lle realicen desde os escolas e facultades da Universidade. A normativa foi aprobada con 20 votos a favor e 3 abstencións.

Apoio maioritario do Consello aos orzamentos para 2012

Con 29 votos a favor e 3 en contra dos representantes de Nova Universidade, o Consello de Goberno deu luz verde a un orzamento que se reduce por terceiro ano consecutivo en case un 3% respecto de 2011 para quedar fixado en 162.969.745 euros. Un descenso de 4,9 millóns de euros que está directamente relacionado coa conxelación rexistrada nas achegas da Xunta de Galicia que para este ano acadarían preto de 103 millóns de euros, unha cifra estimativa xa que polo momento non se coñece o reparto exacto, tanto conceptual como entre as universidades que conforman o Sistema Universitario Galego (SUG).

Nun orzamento no que se rexistran lixeiros incrementos nos ingresos correspondentes ás taxas e prezos públicos (2,3%) e dos ingresos correntes (5,8%), o capítulo de persoal segue a ser principal fonte de gasto da institución académica viguesa, aínda que tamén experimenta un lixeiro descenso do 1,29% respecto do ano 2011, situándose en algo máis de 93,5 millóns de euros. No que respecta aos gastos correntes experimentan no ano 2012 un incremento dun 2,46% situándose en algo máis de 25 millóns de euros, dos que algo máis de 2 corresponden á execución do proxecto Campus do Mar. Pola súa banda os investimentos reais sofren unha diminución de algo máis dun 12% superando os 33,5 millóns de euros, unha cifra similar á do exercicio anterior e que resulta posible polo mantemento dos compromisos nas infraestruturas en curso e tamén polas achegas asociadas ao investimento no Campus do Mar. Un dato positivo no que incidiu o vicerreitor de Economía e Planificación foi o do saldo corrente que arroxa un resultado positivo de algo máis de 795.000 euros.

Desde as filas de Nova Universidade, Jaime Cabeza, Armando Caballero e Enrique Barreiro manifestaron o seu desacordo pola falta de incremento do cadro de persoal para o vindeiro ano, así como políticas a aplicar no posgrao e o efecto que a redución en investigación pode ter sobre os grupos pequenos. Mentres por parte da representación sindical, Xoan Cebro por unha banda e Federico Fernández por outra, demandaron vontade na negociación da RPT e para a promoción do PAS laboral, así como unha racionalización dos gastos.
Antes da votación o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, realizou unha defensa pechada do Plan de Financiamento do SUG que pediu que se poida manter “porque nos permitirá entrar na senda positiva”. En relación co posgrado ademais de confirmar que se realizará unha planificación estratéxica demandou un cambio de chip porque “esta universidade aspira a que cando haxa un ranking oficial ser unha institución intensiva en innovación”.

Unha institución socialmente responsable e cun plan de prevención de riscos de seu

Na sesión do Consello o comisionado de Plans Estratéxicos, Xavier Martínez Cobas, presentou a primeira memoria de Responsabilidade Social que recolle as liñas básicas de creación de valor para a sociedade dende a institución. “Creación de valor dende a formación e a docencia para os estudantes, na que o máis salientable é a existencia de titulacións únicas en Galicia, as políticas de bolsas, de prácticas laborais, de mobilidade internacional, as actividades de extensión universitaria e outras”, explica o comisionado que confirma que en relación con ese proceso tamén se trata a formación do profesorado e do persoal de administración e servizos.

Na creación de valor dende a investigación e a transferencia, o máis destacado son os datos de posicionamento internacional nos rankings universitarios da produción científica, e os datos de transferencia, con 1427 contratos, informes e cursos por valor de máis de 7 millóns de euros en ano 2010. Na creación de valor a través da relación coa sociedade, na memoria detállanse as principais políticas e actividades en relación a iniciativas de interese social, en particular coas políticas de igualdade, sostibilidade ambiental e voluntariado.

Por outra banda aprobouse por unanimidade o Plan de prevención de riscos laborais co que se persegue, segundo explicou Mª José Montero, técnica superior de Riscos Laborais, reducir o número de accidentes, dispoñer de plans de emerxencia en todos os centros de traballo e aumentar o número de persoal sometido a recoñecementos médicos voluntarios, obxectivos todos eles orientados a mellorar as condicións laborais da institución en materia de seguridade e saúde.
No derradeiro Consello de Goberno do ano aprobáronse os criterios para a elaboración da programación docente anual do curso 2012/2013 e o director de Campus do Mar, Emilio Fernández, presentou o informe das actividades desenvolvidas durante este ano e as previstas para 2012 polo Campus do Mar.