DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vigo acolleu o acto conxunto de inauguración

Firme defensa da competividade das universidades galegas na apertura de curso 2008/2009

Coa presenza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 26/09/2008

Unha firme defensa das universidades galegas, do que son e do que representan para o país foi o eixe central sobre o que xirou o acto de apertura de curso 2008-2009 das tres universidades galegas. Con múltiples referencias á actual situación de crise económica, tanto o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, coma o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, quixeron destacar o relevante papel que a universidade debe cumprir na creación, difusión e transferencia de coñecemento cara ao mundo produtivo, único modo de seguir avanzando en crecemento e benestar.
Acompañados pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; a presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, e os reitores das universidades de A Coruña e Santiago de Compostela, José Mª Barja e Senén Barro, tanto Gago coma Pérez Touriño quixeron destacar as tres universidades galegas coma principais fontes da ciencia e tecnoloxía en Galicia.
Celebrado no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, o acto iniciouse coa lectura da lección inaugural, coa que o catedrático de Tecnoloxía Electrónica, Carlos Martínez-Peñalver, fixo un amplo repaso ás diferentes fontes de enerxía, centrándose sobre todo nas achegas da electrónica á fiabilidade da enerxía eléctrica.

Nova misión para un novo século

Tras a intervención de Martínez-Peñalver, tomou a palabra Alberto Gago, quen quixo destacar a importancia non só de crear coñecemento senón sobre todo de transferilo, “unha nova misión para un novo século”, indicou. “Ou proporcionamos novo coñecemento e conseguimos transformalo en riqueza ou benestar ou quedamos fóra”, salientou en referencia á necesaria unión entre empresas e universidades.
Como exemplos da oferta formativa e da arquitectura da I+D de Galicia, o reitor achegou toda unha serie de datos: 3.860 doutores, 638 grupos de investigación, 60% da produción científica do país, 104 millóns de euros de recursos externos... ao que engadiu a participación das universidades en todo tipo de estruturas de investigación: Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia, Estación de Bioloxía Mariña da Graña, Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, Centro Tecnolóxico do Naval ou Centro de Investigación Biosanitaria, entre outros.

Competencia científica e capacidade tecnolóxica

Con cinco grados adaptados e 177 novos títulos oficiais de posgrao en funcionamento, as universidades galegas inician o novo curso co compromiso do presidente da Xunta de realizar unha inxección adicional nos presupostos de 2009 sobre o actual Plan de Financiamento de máis de 11 millóns de euros. Así mesmo, anunciouse tamén a vontade do goberno da Xunta de formular un novo Plan de financiamento que tería vixencia para o período 2010-1015.
Pérez Touriño destacou neste acto o privilexiado lugar que sitúa ás universidades galegas por riba da media española en canto á cifra de patentes rexistradas e ao número de empresas de base tecnolóxica promovidas “resultado dunha política de transferencia en moitos aspectos pioneira e referente entre as universidades españolas”. O titular da Xunta aproveitou tamén para subliñar que “non é posible concibir o progreso social e económico, sen atribuírlle boa parte do mesmo á universidade".

Presenza institucional e convidados

A interpretación do Gaudeamus Igitur por parte do Coro Universitario vigués puxo fin á celebración do acto de apertura de curso, ao que asistiron numerosas personalidades do mundo académico, social e político.
Entre outros persoeiros, a cerimonia contou coa asistencia do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz; os presidentes dos consellos sociais das universidades da Coruña e Santiago, Manuel Puga e Antonio Abril; o director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio M. Fernández Suárez; o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica, Rogelio Conde-Pumpido, e os ex-reitores, Luis Espada, José Antonio Rodríguez e Domingo Docampo.
O reitor desculpou a ausencia do presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Emilio Atrio, que non acudiu por razóns de enfermidade.

A. Gago: "A universidade estase a converter nun elemento central dos modelos de desenvolvemento económico"

E. Pérez Touriño: "Comprometeremos unha inxección adicional nos orzamentos de 2009 sobre o actual Plan de financiamento de máis de 11 millóns de euros"

C. Martínez-Peñalver: "A enerxía exerceu unha notable influencia á hora de conformar a orde económica e política actual, converténdose en símbolo de poder"