DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os mellores estudantes recolleron as súas distincións

Firme defensa da lingua galega na conmemoración do San Tomé

O convidado, Juan Carlos Moreno, afondou nalgúns prexuízos sobre as linguas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío / L. Costas DUVI 30/01/2009
A festividade do San Tomé de Aquino converteuse este ano nunha firme defensa da lingua galega como principal legado para as futuras xeracións deste país. A denominada “gran festa do mérito académico”, en palabras do reitor Alberto Gago, serviu tamén de merecida homenaxe para os mellores titulados e tituladas da institución.
A enorme riqueza que representa o patrimonio lingüístico foi o fío condutor dunha cerimonia que tivo como convidado de excepción ao catedrático de Lingüística Xeral da Universidade Autónoma de Madrid, Juan Carlos Moreno Cabrera, un dos especialistas máis recoñecidos a nivel nacional en temas de tipoloxía sintáctica, semántica, clasificación lingüística e situación e evolución das linguas. Na súa intervención puxo en entredito o prexuízo de que “para entenderse hai que falar a mesma lingua” xa que, desde o punto de vista lingüístico “non atopamos ningún fundamento para esta afirmación”.
Ao igual que Moreno Cabrera, que en todo momento defendeu a pluralidade lingüística como símbolo de progreso, Alberto Gago instou aos presentes a facer “unha xestión intelixente e eficiente do noso patrimonio material e inmaterial”.
Ante os mellores estudantes da institución e cunha nutrida representación do persoal docente e investigador, o reitor fixo tamén repaso dalgúns datos coñecidos ao longo do 2008 e que deixan constancia de que “a Universidade está no bo camiño”: forma parte do grupo de 25 universidades españolas que figuran entre as 500 primeiras do mundo; ocupa o posto 17 no Ranking de Calidade das Universidades Europeas e tamén no Ranking de Doutoramento de Calidade, “formades parte, pois, dunha historia breve pero honrosa e ilusionante”.

Titulados e doutores recolleron o premio ao seu esforzo

Os rostros dos 53 galardoados amosaban orgullo, ledicia e satisfacción no momento de escoitar o seu nome por parte da secretaria xeral, Esther Mª González Pillado, e baixar a recoller a insignia da institución ante a atenta mirada dos seus familiares e profesores.
Nesta ocasión, a maior parte dos 32 distinguidos cos Premios Extraordinarios Fin de Carreira son mulleres, cun total de 20 fronte a 12 homes; polo que respecta a ámbitos, 15 pertencen ao xurídico-social, nove ao tecnolóxico, catro ao científico e outros tantos ao humanístico; por campus, 14 dos estudantes cursaron os seus estudos en Vigo, 12 en Ourense e 6 en Pontevedra.
Doutra banda, entregáronse as medallas a 21 das 111 persoas que no curso 2006-2007 defenderon a tese de doutoramento, sendo os ámbitos científico e tecnolóxico os destinatarios de 16 destes premios á carreira investigadora, mentres que o ámbito xurídico-social e humanístico quedaron representados con 3 e 2 galardoados, respectivamente. No tocante a sexos, a presenza feminina continúa a ser maioritaria dobrando á masculina, 14 mulleres fronte a 7 homes.
Todos os premiados coincidiro no acto en considerar unha satisfacción e orgullo este recoñecemento á súa traxectoria, “é unha honra que valoren deste xeito o noso esforzo” declaraba Cristina Vázquez, premio extraordinario na diplomatura de Mestre en Educación Primaria; “foi moi grande a dedicación para chegar ata aquí, hai que saber compaxinalo todo e ser constante” sinalaba Ana Rodicio, premiada na licenciatura de Psicopedagoxía. Na mesma liña opinaban Paula Conde e Marta María Pazos, galardoadas co premio extraordinario de doutoramento, que afirmaban ter feito un gran esforzo nestes anos dedicados á investigación, significando esta distinción un gran recoñecemento. Neste caso o futuro será diferente para cada unha delas, mentres Paula ten pensado centrarse na preparación de oposicións, Marta asegura que a súa intención e seguir vinculada ao mundo universitario e chegar a ser docente.

Numerosas autoridades arrouparon aos premiados

A cerimonia, que tivo lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, contou coa participación de diferentes autoridades, entre as que cómpre destacar o director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario Galego, José Ramón Leis; o presidente do Consello Social, Emilio Atrio; o director da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, José María Martín Moreno, ou o capitán de navío da Escola Naval de Marín, Juan Gabriel Martínez Ratero. Os vicerreitores, a xerente, decanos e directores de centro e numerosos directores de área sumáronse tamén a esta celebración.

Juan Carlos Moreno Cabrera: "Non me parece adecuada a utilización do predominio do español para minusvalorar as demais linguas que non se consideran comúns"

Alberto Gago: "Formación, investigación e talento son os camiños polos que queremos transitar"