DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora Marta Gómez traballa na mellora das aplicacións da tomografía de coherencia óptica

A Física revela a mellor fotografía do que o corpo e a arte esconden

A técnica permite obter unha imaxe de ata 3 milímetros do interior de veas, córneas e obxectos coma

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 09/12/2011

Ter unha imaxe o máis exacta posible do interior das cousas sen entrar en contacto con elas, sen empregar técnicas invasivas, é un reto tecnolóxico que preocupa a diferentes áreas do coñecemento. Os conservadores de arte desexan poder ver os bocexos que se agochan detrás da capa externa dun cadro sen ter que facerlle unha fenda. Os médicos queren obter unha “fotografía” da córnea ou das veas dos pacientes sen ter que intervir neles. A solución a este reto pasa polo desenvolvemento das técnicas de tomografía de coherencia óptica, unha área na que a investigadora do campus de Ourense Marta Gómez é referente despois de realizar a súa tese de doutoramento nela e na que traballa actualmente para mellorar a súa aplicación no ámbito biomédico.

“A tomografía de coherencia óptica (OCT) é unha técnica non invasiva e de non contacto, que ofrece a posibilidade de penetrar varios milímetros nun tecido ou mostra sen tocala. Nos últimos anos a OCT converteuse nunha destacada técnica dentro do campo da biomedicina, en particular dentro do campo da oftalmoloxía, pero ten outros moitos ámbitos de aplicación, como a arte, e no seu desenvolvemento traballamos desde o campus de Ourense”, explica a investigadora, que realizou os estudos de Física na Universidade de Vigo.

Da biomedicina á arte

Na súa tese de doutoramento, dirixida polos profesores da Universidade de Vigo Humberto Michinel e da Universidade de Kent Adrian Podoleanu, a investigadora estudou a aplicación desta técnica en tres elementos concretos, como son as veas, as córneas e os cadros de pintura. Con esta base investigadora, Gómez Cid traballa agora no desenvolvemento de métodos que permitan solucionar problemas de aplicación en cada caso e mellorar os seus resultados.

No caso das veas, explica, grazas á tomografía Doppler de coherencia óptica (DOCT) é posible obter imaxes de forma non invasiva da microcirculación sanguínea e das estruturas dos tecidos que rodean os vasos. “Sen embargo, un dos principais problemas que presenta DOCT é que require o coñecemento do ángulo entre o fluxo e o feixe polo que na miña tese de doutoramento estudamos un método que pode ser usado para avaliar este ángulo e que se basea na obtención de imaxes en-face OCT e na detección de bordes”, explica. Cunha problemática moi parella, desenvolveu na súa tese de doutoramento un novo método que permite a obtención do radio de curvatura da córnea humana en tempo real.

Posibilidades de futuro

“Dentro dos proxectos de futuro que temos está a mellora dos resultados obtidos para a curvatura da córnea e os perfís de velocidade de fluxo, co fin de poder aplicalos a estudos sanguíneos. Tamén se pretende empregar esta técnica para a medición e análise de posibles obstrucións presentes en veas e arterias do corpo”, salienta a investigadora. Para acadalo, na actualidade colabora coa Universidade Politécnica de Valencia e o Hospital da Fe para a creación dun novo sistema. “Pretendemos que este sistema nos proporciones imaxes con moita mellor resolución que os existentes. A súa finalidade nun principio son aplicacións médicas, pero obviamente podería ser adaptado a outros campos de investigación, como pode ser a arte”, destaca.

Deste xeito, Marta Gómez apunta o importante feito de que o desenvolvemento da OCT ten outras aplicacións moi diferentes á biomedicina, como pode ser a arte. Para amosalo, na súa tese de doutoramento traballou, en colaboración coa National Gallery de Londres, na observación e medición con esta técnica do espesor das distintas capas de vernices e pinturas presentes en obras obras de arte do museo, así como a orde na que foron aplicadas, demostrando a capacidade de OCT para obter imaxes dos posibles bocexos que o artista puido realizar no lenzo ou na base da obra sen necesidade de intervir neles.