DUVI

Diario da Universidade de Vigo

39 graduados e 3 diplomados recolleron o seu título no Liceo Casino

Fisioterapia celebra con orgullo a saída da primeira promoción do grao

O vicerreitor Jesús Hernández presidiu ao acto, que contou coa presenza do Consellerio de Educación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 11/06/2010

Co orgullo de ser a primeira promoción no Estado de graduados en Fisioterapia, 39 estudantes do campus recolleron hoxe os seus diplomas no acto celebrado no Liceo Casino de Pontevedra. O director da escola pontevedresa, Manuel Gutiérrez, felicitou por isto aos egresados. “É un gran acontecemento logo do camiño percorrido, pois Fisioterapia comezou como unha especialidade asociada a Enfermaría”, sinalou. Destacou por unha banda o esforzo realizado pola xunta de centro e o actual equipo directivo para a implantación do grao e, pola outra, a implicación do alumnado, que decidiu en masa cambiarse ao novo título. Con todo, o centro mantivo a posibilidade de continuar aos que xa comezaran a diplomatura e, de feito, hoxe recibiron tamén o seu título os tres estudantes do plan antigo. Agora poderán homologalo co de grao facendo un curso máis de adaptación.

Unha profesión con prestixio social

O acto estivo presidido polo vicerreitor en funcións do campus, Jesús Hernández, quen felicitou aos graduados pola súa valentía para subirse ao carro dos cambios. “Agora estades preparados para mudar o modelo cara á sociedade do coñecemento que tanto se divulga, pero que tan pouco se practica fóra das aulas”, díxolles.
Asistiron tamén o Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e o alcalde de Pontevedra. Jesús Vázquez fixo fincapé na forte demanda e recoñecemento social da Fisioterapia como profesión sanitaria, “algo para o que a intelixencia non é o máis importante, senón a vontade e a perseveranza”. Pola súa parte, Miguel Anxo Fernández Lores aconselloulles aos titulados “poñerlle boa cara ao mal tempo laboral provocado pola crise” e animounos a ter confianza nun mesmo e no importante nicho de mercado que existe para a súa profesión.
Participaron tamén no entrega dos diplomas Antonia Gómez Conesa, presidenta da Asociación Española de Fisioterapeutas, e María Teresa Labajos Manzanares, presidenta da Conferencia Nacional de Directores de Escolas de Fisioterapia.

Parabéns do padriño e lembranzas

O padriño da promoción, o profesor José Manuel Pazos, foi o primeiro en darlle os parabéns aos esgresados. Pediulles que seguisen en contacto coa escola e brindoulles o seu apoio na nova etapa que comezan. En agradecemento á súa dedicación como docente e como coordinador do programa piloto de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior o alumnado entregoulle un agasallo.
Logo interveu o representante dos estudantes, que fixo un repaso polas vivencias desde “os mozos e mozas amedrentados” que chegaron en primeiro ata converterse en fisioterapeutas profesionais. Entre outras anécdotas contou como sufriron para perder a vergoña e poñerse en bañador nas clases prácticas para buscarse os distintos ósos e músculos os uns aos outros. Falou tamén da viaxe de fin de carreira a Tánxer. “O obxectivo era cruzar o charco e acabamos cruzando o estreito, pero non estivo mal”. Rematou lembrando aquilo que aprenderon nos comezos: “a fisioterapia é unha mestura de ciencia e arte”. O vicerreitor Jesús Hernández alegrouse de oír estas palabras polo seu propio ámbito de dedicación. “Chegoume a alma, pois é verdade que fisioterapeutas e artistas non estamos tan afastados, ambos traballamos coas mans, pensamos no benestar dos corpos e transmitimos sensibilidade”, comentou. Tras o seu discurso púxose en pé todo o auditorio para finalizar o acto co Gaudeamus Igitur.