DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aumentará a carga docente e reduciranse os grupos

Fisioterapia implanta en bloque os catro cursos do novo grao

Os diplomados terán a posibilidade de adquirir a nova titulación cun curso de adaptación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 30/07/2009

Desde que en 2007 Manuel Gutiérrez e o seu equipo chegaron á dirección da Escola Universitaria de Fisioterapia marcáronse como reto atender á demanda dos fisioterapeutas de converter a súa titulación nun grao adaptado ao Espazo Europeo de Educación Superior. Esa aposta xa é unha realidade e o vindeiro 21 de setembro o centro implantará de xeito conxunto os catro cursos da nova titulación. Así o anunciou o director da escola, Manuel Gutiérrez, nun acto no que estivo acompañado polo vicerreitor do campus, Jesús Hernández, a subdirectora do centro, Eva María Lantarón e a secretaria académica, Alicia González. A esta nova andaina úneselle a posta en marcha dun curso de adaptación para todos aqueles que xa posúan a diplomatura e queiran convertela nun título de grao.
O cambio máis importante desta transformación é, segundo considerou Gutiérrez, “que pasa de tres a catro anos e aumenta a carga docente”. Esta profundización dos coñecementos será máis significativa na formación clínica e nos contidos teóricos, ademais da oferta de materias de libre elección. Outro dos cambios importantes, tal e como indicou o director do centro, será “a diminución dos grupos nas prácticas de laboratorio e na formación clínica, que redundará nunha maior formación do alumnado”. É que os grupos das prácticas pasarán de estar formados por dezaoito ou vinte alumnos a reunir a doce ou catorce estudantes, “para que o profesor poida corrixir mellor o seu traballo”. No caso das prácticas clínicas a ratio de seis alumnos por profesor, reducirase a un ou dous. Para todo iso, no último cuadrimestre o equipo directivo da escola vén negociando con centros hospitalarios e asistenciais para formalizar diferentes convenios de colaboración. “Falamos co Hospital Povisa; con La Merced, que quere ser un hospital de referencia a nivel de lesionados medulares e a fisioterapia ten un papel moi importante neses procesos; e tamén con colectivos que se dedican ao tratamento de persoas con discapacidade como a Asociación Xoán XXIII ou Amencer; ademais das prazas no sistema público, que serán fundamentalmente no Complexo Hospitalario de Pontevedra”, explicou Gutiérrez.
O centro xa leva “catro anos traballando nun plan piloto, con créditos ECTS e a nova metodoloxía” que farán máis doada a transformación. “Ademais”, apuntou Gutiérrez, “contamos coa vantaxe de que o libro branco de fisioterapia saíu coas mesmas bases que tiña o antigo plan de estudos”. Así, no curso 2009/2010 a maioría do alumnado do centro estará integrado no EEES, segundo os datos que se recolleron nunha enquisa que a dirección realizou no mes de marzo para coñecer as aspiracións dos alumnos. Segundo os resultados tirados desa consulta o 82.1% ten intención de pasarse ao grao, un 13.1% amosou a súa indecisión e só un 4.8% aposta por rematar polo plan antigo. “Gran parte dos indecisos”, comentou Gutiérrez, “eran alumnos de primeiro, que acababan de entrar na Universidade”.

Opción para os diplomados

Nesta integración no EEES o centro tampouco esqueceu a aqueles que xa contan coa Diplomatura en Fisioterapia e oferta para eles un curso de adaptación. Aqueles que acrediten unha experiencia laboral mínima de tres anos a tempo completo e un mínimo de 100 horas presenciais de formación de posgrao ou continuada de carácter presencial organizada ou recoñecida por institucións públicas recoñeceránselles os tres primeiros cursos académicos e mailas estancias clínicas de cuarto curso e só terán que cursar a materia Metodoloxía da investigación en ciencias da saúde e desenvolver o traballo de fin de grao. Aquelas solicitudes que non cumpran estes requisitos serán avaliadas por unha comisión que establecerá o número de créditos e materias que deban ser cursados para acadar o grao. O prazo para inscribirse neste curso permanecerá aberto do 1 ao 4 de setembro.

Escola e campus pioneiros

Segundo comentou Gutiérrez, “a Escola vai ser a única de España, polas noticias que temos, que vai implantar os catro anos en bloque e, xa que logo, teríamos os primeiros graduados en Fisioterapia, sen ser previamente diplomados”.
Neste sentido, o vicerreitor do campus, indicou que Fisioterapia únese aos graos en Belas Artes e Dirección e Xestión Pública como as tres titulacións do campus “totalmente implantadas no EEES”. “É o único campus do Sistema Universitario Galego que acada esta premura", apuntou Hernández, "e creo que é un feito moi importante para dilucidar o mapa de titulacións do futuro”.