DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As actividades do evento trasládanse este mércores ao campus

A FISU gaba a organización do Forum e deixa a porta aberta á celebración na cidade da Universiada

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 22/06/2010
Vigo
"Estamos contentos porque a nosa Universidade será un referente mundial, polo traballo serio feito e organizado" así se expresou esta mañá o tenente de alcalde, Santi Domínguez nunha rolda de prensa na que, acompañado polo presidente honorífico do comité organizador do X Forum FISU, gabou a boa calidade da organización do evento, tal e como lle fixeron chegar dende o propio comité de participantes, do Consello Superior de Deportes (CSD) e do CESU, o Comité de Estudo do Deporte Universitario.
O cúmulo de parabéns recibidos “que nos transmiten os participantes amosan que temos capacidade para organizar estes eventos mundiais”, salientou o dirixente nacionalista. Por vez primeira Vigo afrontou un congreso destas características, ben diferente a unha competición deportiva pero que, segundo afirmou Claude-Louis Gallien, vicepresidente primeiro de FISU e presidente do CESU," é o segundo evento máis importante da FISU". É dicir, só está superado por unha Universiada, deixando a porta aberta á posibilidade de que a cidade acolla no futuro á ansiada competición universitaria. "Sabemos o gran potencial de Vigo, que non debe perder a esperanza á hora de organizar os Xogos Mundiais Universitarios, aos que aspirou para 2013", comentou Gallien, quen tamén fixo fincapé na dificultade de organizar un evento destas caracterísiticas, “fai falta ter un bo equipo”, especificou, polo que non dubidou en felicitar á organización.
Na mesma liña tamén se manifestou a subdirectora xeral de Promoción Deportiva e Deporte Paralímpico do CSD, Marta Carranza, que aproveitou a rolda de prensa para referendar que "Vigo conta con gran enerxía e ten unha clara prioridade polo deporte", e lembrou que "por iso se lle concedeu este ano o Premio do CSD", dentro dos Premios Nacionais do Deporte.

O Forum FISU no campus

A presentación desta mañá, que tivo lugar no Concello de Vigo, contou tamén coa participación do vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, que foi o encargado de presentar as actividades que lle preparou a Universidade aos participantes no Forum Fisu, que este mércores se trasladarán ao campus, onde lles espera unha longa xornada de actividades.
Pola mañá haberá diferentes relatorios en torno ao tema do liderado da muller no deporte universitario e, xa pola tarde, os participantes poderán gozar de xogos tradicionais no campo de rugby e bádminton no pavillón de deportes. Despois, a partir das 18.30 terá lugar a feira do Forum Fisu no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria.

* Fotografía cedida polo Concello de Vigo