DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cuarta edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense celebrarase do 1 ao 11 de outubro

O FITO levanta o pano para converter Ourense no epicentro do teatro

12 compañías estatais e internacionais actuarán en diferentes espazos da cidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 27/09/2011
Levanta o pano o outono e con el levanta o pano a actividade teatral na cidade de Ourense. A primeira cita xa está aquí, o Festival Internacional de Teatro de Ourense FITO, que bota a andar o vindeiro 1 de outubro. Serán 11 días de representacións en diferentes escenarios da cidade a cargo de 12 compañías procedentes de seis países e con propostas artísticas moi diversas. A pesares da crise e a austeridade, Ourense aspira de novo a ser o centro de referencia do mellor teatro internacional.

Esta nova edición do festival foi presentada estes martes por Isabel Pérez, concelleira de Cultura do Concello de Ourense; Ánxeles Cuña, directora do festival, e María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense. “Se hai un ámbito onde Ourense ten gañado o seu posto na escena internacional ese é o teatro”, salientou Isabel Pérez referíndose ás citas teatrais da MOTI e a MITEU, ademais do propio FITO. Con esta nova edición do Festival Internacional de Teatro, “a nosa cidade volta a colocarse no epicentro do mundo do teatro, polo que convidamos a todos os cidadán a achegarse a gozar das súas representacións”, engadiu María Lameiras durante a súa presentación.

Nesta cuarta edición, o Festival Internacional de Teatro de Ourense aposta, segundo destacou a súa directora, “por un programa moi potente que quere seducir aos cidadáns”. Actuarán as compañías Teatro Corsario, Granhøj Dans, Lemming, Jo Strømgren, Onira Teatro, Guirigai, Momo Theatre, Marcel-Lí Antúnez Roca, Viaje Inmóvil, Voadora, The Ljud Group e Gataro. En total 12 grupos procedentes de Castela e León, Dinamarca, Italia, Noruega, Murcia, Estremadura, Polonia, Cataluña, Chile e Eslovenia, ademais de Galicia. Unha ampla programación na que destaca representacións como The Society, da compañía Jo Strømgren, considerada unha das compañías teatrais máis importantes de Europa, e Super 8, un espectáculo da puxante compañía galega Voadora.

A actividade chega ao campus

As actuacións comezarán o día 1 de outubro no Auditorio Municipal e continuarán ata o día 11, con representacións tamén no Teatro Principal, o Centro Cultural da Deputación de Ourense, as rúas da cidade e o campus de Ourense. Concretamente, neste último espazo a compañía polaca Momo Theatre representará o venres día 7 de outubro o espectáculo The Gift, no que reflexiona sobre as necesidades de liberdade e felicidade. A participación da Universidade de Vigo completarase coa celebración dun Curso de voz: a voz vibrante, do xoves 6 ao domingo 9 de outubro. A formación, impartida por Nuria Inglada, profesora desta Universidade, está especialmente orientada a profesionais do ámbito do teatro, alumnado de escolas e aulas de teatro e actores afeccionados.

Con esta ampla programación, os responsables do FITO amosan o seu desexo de que “a cidade de Ourense floreza neste outono” grazas ao teatro. Para acadalo, propoñen un programa “para públicos diversos con gustos diversos”, mesturando compañías consolidadas con outras emerxentes, con menos actuacións debido á crise pero mantendo a calidade de edicións anteriores e cuns prezos que oscilan dos tres aos oito euros, segundo o lugar de celebración e o tipo de público.