DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A creadora Andrea Costas e a comisaria Chus Martínez inauguran exposición na sala do campus

Flores e recordos para pasar o dó en Alterarte

A mostra 'Alivio' reflexiona sobre a ausencia e a memoria

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 13/05/2011
“Pasar o dó pola perda -todo se acaba perdendo- e reconciliarte co que é, co que es, non resulta doado, pero nin fuxir nin aferrarse axuda. Celebrar para aceptar. Efémeros e conscientes pero ilusionados”. Con este texto reciben a artista Andrea Costas e a comisaria Chus Martínez aos visitantes da mostra Alivio na Sala Alterarte. Cun manto de flores naturais no que permanece a pegada dunha persoa e uns muros onde plasmar en palabras os recordos, a mostra convida á reflexión sobre o dó necesario e a memoria. O obxectivo, contaxiar a cada visitante as gañas de lembrar e de homenaxear o que xa non está.

A exposición, inaugurada o venres no campus de Ourense, é a cuarta do proxecto Estado Crítico. 10 comisarios 10 artistas, que trae á Sala Alterarte proxectos realizados por artistas emerxentes e comisariados por críticos de arte. Xosé Manuel Buxán, coordinador do proxecto e ausente da inauguración, quixo deixar constancia nunha verbas escritas que esta mostra é “un auténtico luxo” pola traxectoria tanto de Andrea Costas desde que era alumna da Universidade de Vigo coma de Chus Martínez que, salientou, “tense convertido nunha comisaria imprescindible da escena galega”. Un sentimento compartido por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, que destacou que “a exposición chéganos pola vista e polo olfacto e conséguenos emocionar, aproximarnos ao íntimo a través de elementos da vida cotiá”. “É marabilloso como unha artista pode dicir tanto con tan pouco e nun espazo tan pequeno”, salientou a vicerreitora.

Unha transición para renovarse

A comisaria da exposición explicou como a mostra se articula en dúas partes. Ten unha parte efémera, formada por un manto de flores naturais que cubre todo o chan da Sala Alterarte, excepto unha zona central no que as flores deixan en baleiro a silueta dunha persoa. Esta parte efémera é a que irá evolucionando coas pisadas dos visitantes e murchando co paso do tempo, metamorfoseándose visual e olfactivamente. Unha segunda parte é de interacción, pois as paredes están empapelada para que os visitantes poidan elixir un recordo que os marcara e honralo escribindo unha frase breve. As primeiras lembranzas, como “sempre a navegar”, “xogar unha brisca ao sol” ou “as tardes xogando as cartas con ela”, xa están escritas.

Esta idea, salientou Andrea Costas, xurdiu cando “acababa de falecer a miña avoa e estaba reflexionando sobre a perda e a ausencia e a súa superación”. Ante estes sentimentos a artista explicou que se tivo que enfrontar ao dó, “ao dó como unha transición, un período que vale a pena pasar porque probablemente despois se renacerá”. Para plasmar esa mágoa nunha obra artística, salientou, creou “unha peza melancólica”, “na que se é consciente pero non se perde a alegría”.

As artífices de Alivio agardan que a mostra contaxie a cada visitante as gañas de lembrar e animan a ver a obra en diferentes momentos ao longo dos dous meses que permanecerá aberta, pois irá evolucionando co tempo e a medida que as paredes se enchan de recordos e as flores se murchen. A exposición estará na Sala Alterarte do campus de Ourense ata o 14 de xullo e está aberta a todos os que desexen gozar da arte emerxente.