DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade inaugura un curso para pór en valor as ideas empresariais dos mozos

O fomento da cultura emprendedora, un reto de país

QUOBIS amosa co seu propio exemplo que “non hai escusas para non crear unha empresa”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 25/04/2011

Un estudo da Universidade Complutense realizado entre 1200 alumnos e alumnas amosa que, fronte ao 30% que aspira a ser funcionario, tan só un 8% se mostra interesado polo mundo empresarial. Esta é unha mostra da falta de cultura emprendedora da que adoece España, un reto de país para que no futuro a creación de empresas innovadoras se converta nun piar básico na saír da crise.

Para fomentar esta cultura empresarial entre os mozos requírese un esforzo tanto das universidades como das administracións públicas e das entidades financeiras, unha coalición que se exemplifica no Programa Ideas Emprendedoras con Valor que, organizado pola Universidade e BIC-Galicia, se inaugurou este luns nos campus de Vigo. Ao abeiro da Cátedra Bancaja de Xoves Emprendedores, este seminario permitirá achegar ao alumnado as nocións básicas para poder non só identificar unha idea potencial, senón tamén para avaliala, poñela en marcha e tamén dala a coñecer. Segundo o reitor, Salustiano Mato, “nestes momentos de crise é cando hai que traballar máis arreo e arriscar máis” e a Universidade debe consolidarse como “eixo dinamizador e motor económico para xerar esta cultura emprendedora”. Este é un modo de poñer en valor o coñecemento xerado na Universidade, que nos últimos anos xa ten xerado arredor de 100 iniciativas empresariais, “porque temos o espírito do autoemprego incrustado no noso ADN”.

A alianza estratéxica con IGAPE, BIC-Galicia e Bancaja permitirá ademais mellorar a atención aos novos emprendedores, segundo o reitor, uns mozos e mozas “que deberán pilotar unha época de cambios constantes como esta na que se lles esixirá non só ter ideas con valor, senón ser innovadores, creativos e ir un paso por diante das cousas”, en palabras Juan Miguel Larrea, de Bancaja. Joaquín Varela, director do IGAPE, e Mª Teresa Cancelo, directora xeral de BIC-Galicia, incidiron nesa necesaria cooperación entre os tres actores fundamentais (administración, universidades e entidades financeiras) para traballar a prol do emprendemento, unha vía que permita non dar por perdido o ano 2011 en termos económicos.

Si, podemos

Son moitas escusas que se esgrimen para non emprender, pero moitas delas “caen polo seu propio peso”. Ese foi o argumentario de Iago Soto, titulado en Enxeñaría de Telecomunicación e socio fundador de QUOBIS, na lección inaugural do seminario. Falta de cartos, de tempo, de apoio na contorna ou de contactos son argumentos habituais nunha sociedade na que ser empresario non está prestixiado como ocorre en outros países.

O éxito de Soto non lle chegou co primeiro intento, foi tras dous anos con catro experiencias empresariais fallidas, pero a perseverancia conta e os erros tamén achegan experiencia. Agora, tras case cinco anos ao fronte de QUOBIS, bota a vista atrás e analiza as moitas barreiras que se tiraron neste tempo e que lle permitiron asentarse con éxito no mercado. O primeiro dos mitos en caer é o do financiamento, xa que existen diversas alternativas para acadar os cartos para montar unha empresa, entre elas e sobre todo antes da crise, as entidades financeiras, pero tamén o IGAPE e as asociacións de novos empresarios. Con todo, Soto recoñece que a falta de cultura emprendedora en España tamén desmotiva aos mozos, “as familias prefiren que os seus fillos traballen nunha gran corporación” e a falta dunha contorna relacionada co mundo da empresa fai tamén que se comece sen contactos, pero estes fanse co tempo e as asociacións de novos empresarios e as redes sociais xogan un papel moi importante.

Outro dos mitos desmontados é o da falta de cualificación. Neste sentido, Iago Soto explicou que fronte aos tan prestixiados MBA, os emprendedores teñen o máster da experiencia real, aquel que lles permite aprender de erros e buscar o camiño correcto, “pérdense os medos e supéranse barreiras, pero tamén podemos contar co apoio de consultores experimentados que axudan nos comezos a través, por exemplo de BIC Galicia”. Finalmente, no referente á falta de tempo explicou que "rende moito máis traballando por conta propia que allea; a dedicación é determinante e a falta de tempo unha escusa".

Todos estes mitos desmontados demostran que si se pode ser mozo, empresario e emprendedor, sobre todo se non se ten medo a correr riscos.