DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“Rexistro de nós” é o proxecto do Fondo de Arte e Cultura Contemporánea

O fondo documental recollido por investigadores de Belas Artes intégrase en GaliciaXa.tv

Inclúe entrevistas con Fernández del Riego, Díaz Pardo ou Xan Bouzada, entre outros

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 13/02/2009

A Consellería de Innovación e Industria vén de presentar unha nova canle para difundir as iniciativas emprendidas no marco do plano estratéxico galego da Sociedade da Información. Trátase de GaliciaXa.tv. Unha plataforma que ademais de integrar algúns dos proxectos máis relevantes da Consellería, inclúe o traballo realizado polo grupo de investigación Fondo de Arte e Cultura Contemporánea da Facultade de Belas Artes inclúe o traballo de documentación de persoeiros galegos, baixo o título Rexistro de nós.
GaliciaXa.tv preséntase como “unha fiestra aberta á información dixital” e pretende dotar dos mellores contidos e utilidades aos cidadáns e as empresas de Galicia e por iso reúne baixo un mesmo signo servizos como Sociedadedainformacion.eu, GaliciaPMS, Rede de Dinamización, Mancomun.org ou byGalicia. A estes úneselle o proxecto Rexistro de nós, detrás do que está o grupo de investigación integrado polos profesores da Facultade de Belas Artes, Anxel Huete, Mar Rodríguez Caldas e Almudena Fernández Fariña, canda os artistas Manolo Figueiras e Rosalía Pazo. Segundo explica Almudena Fernández o proxecto “naceu en 2004 coa vontade de recoller o legado de persoas relevantes da cultura galega pero que non deixaron constancia por escrito do seu pensamento”. Neste tempo, vinte e cinco protagonistas da vida cultural, académica ou sociopolítica de Galicia foron entrevistados polo equipo do proxecto. Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego, María Xosé Queizán, Elena Colmeiro e Xan Bouzada son os protagonistas dos cinco documentos seleccionados e que xa están á disposición do público en GaliciaXa.tv.
“As entrevistas”, sinala Almudena Fernández, “están enfocadas a que se posicionen e expliquen a situación da cultura galega e como se desenvolveu desde os anos 70”. Esta parte compleméntase con outro tipo de preguntas centradas nos aspectos biográficos de cada entrevistado, abordando a súa experiencia persoal no campo da cultura. Os criterios de selección son “moi abertos e flexibles outorgando certa prioridade a aquelas figuras de máis longa traxectoria ou maior idade”.

Apoio da Vicerreitoría de RRII e de UVigo.tv

O proxecto enmárcase no Plan estratéxico da Sociedade da Información aprobado no Parlamento galego en 2007 e, tal e como apunta Fernández, “o contacto coa Consellería de Industria chegou a través do vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, que se interesou polo proxecto e tivo claro que tiña que ver a luz”. Os membros do grupo de investigación tamén teñen palabras de agradecemento e recoñecemento do seu labor para Luis Pena, de UVigo.tv, que realiza o labor técnico, de iluminación, montaxe e edición do material.
As gravacións atópanse baixo a custodia da Universidade e para os próximos meses o equipo xa prepara novas entrevistas con outros persoeiros da cultura galega como son Andrés Fernández-Albalat, Xosé Neira Vilas, Luz Pozo, Luís Caruncho, Xosé Luís Méndez Ferrín, Ana Romaní, María Victoria de la Fuente, Manuel Gallego, Marisa Sobrino, Marcial Gondar ou Margarita Ledo Andión.