DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Docente en CC da Educación e do Deporte e responsable das Unidades de Medicina Deportiva

Fondo pesar na comunidade universitaria polo pasamento do profesor Juan José Crespo

O seu funeral terá lugar este martes ás 18.00 horas no tanatorio Vigomemorial

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 31/03/2014

Como unha persoa tremendamente implicada na defensa do deporte como fonte de saúde e un comprometido docente lembran os seus compañeiros e compañeiras ao médico e profesor Juan José Crespo Salgado, falecido este luns vítima dunha longa enfermidade. Profesor asociado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e responsable das Unidades de Medicina Deportiva do Servizo de Deportes nos tres campus, o pasamento de Crespo deixa unha fonda consternación na comunidade universitaria, que este martes lle renderá homenaxe cun minuto de silencio na facultade do campus pontevedrés. Os seus restos mortais foron trasladados á sala 4 do tanatorio Vigomemorial, onde serán velados este luns e mañá a partir das tres da tarde. O martes ás 18.00 horas oficiarase no tanatorio unha misa no seu recordo.

Francisca Fariña, decana do centro ao que Crespo permanecía vinculado desde hai máis dunha década, expresou o “sincero pesar de toda a facultade” polo falecemento dun “profesor moi participativo e comprometido, sempre implicado en todo aquilo que puidese supor unha mellora para o centro e a titulación de Ciencias da Actividade Física e do Deporte”. Neste senso, a decana salientou o “compromiso por ampliar a formación alumnado” deste especialista en Medicina da Educación Física e do Deporte e profesor do Departamento de Didácticas especiais. Por todo isto, a decana convidou á comunidade universitaria a sumarse este martes ás portas do centro, ao minuto de silencio que se celebrará na súa honra.

Un traballador exemplar das Unidades de Medicina Deportiva

Sobre a súa faceta como responsable das Unidades de Medicina Deportiva do Servizo de Deportes, o director da Área de Estudantes e Deportes da Universidade de Vigo, Miguel Ángel Nombela, asegura, “consternado e con profunda dor pola súa perda”, que Juan José Crespo era un traballador exemplar e gran coñecedor “da casa por dentro”. Nombela fala dunha “perda enorme e dun profesional difícil de substituír”, destacando o seu intenso labor nos programas de Deporte e Saúde, así como o seu traballo de diagnose e control das persoas que participaban en actividades de iniciación á práctica deportiva na Universidade. “Era unha persoa moi próxima. Bo amigo e bo profesional, sempre disposto a atender calquera cuestión que lle formulásemos”, sinala Nombela que non agocha a profunda consternación que a nova do pasamento de Juan José Crespo ocasionou no Servizo de Deportes da Universidade de Vigo.