DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar entre os días 11 e 29 de xaneiro no Edificio Xurídico Empresarial

A formación de axentes de emprego e desenvolvemento local, obxectivo dun curso complementario

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 11/01/2008
Co obxectivo de formar axentes de emprego e desenvolvemento local coas ferramentas prácticas e eficientes para o seu traballo, comeza na Facultade de Ciencais Empresariais e Turismo un curso complementario que rematará o vindeiro día 29 de xaneiro. Dirixido tanto a persoas en activo nos eidos da orientación laboral e de actividades empresariais e de desenvolvemento local como a alumnos que finalizaran os seus estudos de Dereito, Ciencias Empresariais, Relacións Laborais ou Turismo, terá unha validación académica de catro créditos de libre elección.
As 35 prazas ofertadas cubríronse na súa totalidade poñendo en evidencia o interese que esperta o tema. De feito, e segundo Beatriz González, unha das directoras do curso “hai un número importante de técnicos de emprego traballando nos concellos da provincia inscritos”.

Unha formación completa

O curso para a formación de Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local está patrocinado pola Consellería de Traballo, o Concello de Ourense e a Fundación Galicia-Europa e é eminentemente práctico, aínda que tamén conta con módulos teóricos para homoxeneizar os coñecementos dos participantes.
“Na orientación práctica permitirá a aplicación de modelos de desenvolvemento tanto no ámbito local como provincial e os alumnos, en grupos de traballo, proporán liñas de actuación consecuentes coas debilidades e fortalezas detectadas nos devanditos eidos” explicou Beatriz González.
A programación do curso estrutúrase en tres bloques complementarios. O primeiro deles está centrado no desenvolvemento endóxeno e será impartido polo catedrático da Universidade Autónoma de Madrid Antonio Vázquez Barquero. O segundo bloque corresponde aos programas e fondos europeos e será impartido polo persoal da Fundación Galicia-Europa de Santiago de Compostela e de Bruxelas. Por último, o terceiro bloque centrarase nos emprendedores, a innovación e os determinantes do éxito empresarial, e contará coa presencia de Enrique Salas Rincón, entre outros profesores destacados.