DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas "Xornadas de primeiros auxilios" celebradas na facultade

Formación básica en primeiros auxilios para os futuros egresados de CC Sociais e do Deporte

Incidiuse na necesidade de adquirir estes coñecementos que poden salvar vidas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 30/11/2010

"Podes predicir cando vas a ter un accidente? E, se o tes, cres que vai a ser nun hospital e cun médico ao lado?” Con estas preguntas retóricas o profesor Roberto Barcala, coordinador das Xornadas de primeiros auxilios celebradas na Facultade de Ciencias Sociais e do Deporte, puxo de manifesto a necesidade de que a cidadanía adquira coñecementos sobre técnicas de reanimación que poden salvar a vida de unha persoa nun momento dado. Para ilustrar esta importancia Barcala apuntou que “por cada minuto que transcorre desde a parada cardíaca, dispomos dun 10% menos de posibilidades de vida”, o que se traduce que en 10 minutos non habería posibilidades de supervivencia.

Nas xornadas que tiñan como obxectivo formar aos futuros graduados e graduadas en conceptos e actuacións básicas de primeiros auxilios en xeral e no eido da docencia e do deporte en particular, Barcala explicou que “o deporte e a docencia en escolas e institutos son actividades profesionais vinculadas a certos riscos, sendo o profesor o primeiro auxiliador”. Os seus primeiros empregos soen atoparse en categorías inferiores do deporte, onde non existe un servizo médico como na elite profesional e eles son os máximos responsables, os que poden socorrer en caso de urxencia.

Teoría e práctica

O obradoiro constou de dúas partes, a primeira baseouse nun desenvolvemento teórico dos contidos e, unha segunda parte eminentemente práctica onde o alumnado, axudado polos docentes do curso, ensaiaron as manobras e avaliaron a súa actuación. As manobras que se traballaron foron as máis básicas e vitais, como son a reanimación cardiopulmonar básica (RCP) e a manobra de Heimlich, que se aplica nos atragantamentos. Tamén houbo leccións de como se debe recoller e trasladar accidentados e o xeito de dar as indicacións aos servizos médicos en caso de accidente, pois para Barcala, “en caso de urxencia chamar ao 112 e indicar o que está a ocorrer é unha axuda imprescindible”. Na sesión incidiuse ademais na importancia da formación continua neste ámbito, porque cada vez xurden innovacións que facilitan as manobras, como o desfibrilador, que evolucionou ata o punto de non permitir a descarga de corrente se detecta algún sinal de vida no paciente.