DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unhas xornadas analizan a relación existente entre a educación e o mundo laboral

A formación e o emprego, a debate nun foro de 300 estudantes e empresarios

A vicerreitora Carmen García Mateo falou dos cambios na Universidade co Plan Boloña

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 05/02/2010

Afondar nas relacións existentes entre a educación e o mercado de traballo é o obxectivo fundamental das Xornadas de Formación para o Emprego que este venres comezaron o seu desenvolvemento no Centro Cultural Caixanova. No evento participan empresarios e representantes da Universidade –hai preto de 300 persoas inscritas- para debater sobre a necesidade de adaptar a formación e os plans de estudos ás demandas do mercado laboral. A primeira mesa redonda tratou sobre E despois da Universidade que? O Plan Boloña e o mercado laboral e na mesma participaron Carmen García Mateo, vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea da Universidade de Vigo; Juan José Molinos, secretario xeral da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e Francisco Martín, director da revista Línea e xerente da Unidade de Avaliación de Mercados.

O Plan Boloña, un “cambio estrutural” da universidade e da sociedade

Na súa intervención Carmen García Mateo fixo un percorrido dende os inicios do Plan Boloña ata a actualidade, con 46 países adheridos no camiño pola construción dese Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Definiu o proceso como “un cambio estrutural da universidade e da sociedade que abre a posibilidade de acadar o pleno emprego mediante unha evolución e un crecemento como cidadáns e como profesionais”. Falou tamén a poñente de empregabilidade afirmando que “na Universidade temos que capacitar aos nosos titulados para que teñan un emprego máis cualificado” cunha formación que, segundo dixo, “lles vai ensinar o básico e tamén como seguir aprendendo e desenvolvendo as súas capacidades e habilidades”.

Compatibilidade entre os sistemas educativos dos distintos países

Un dos aspectos do Plan Boloña subliñados pola vicerreitora é o de conseguir que os sistemas educativos dos distintos países fosen compatibles e recoñecibles. Falou tamén da “promoción dunha dimensión europea da educación” a través da mobilidade de profesores e estudantes “a todos os niveis e en todas as direccións, para o cal se necesita un fondo coñecemento de idiomas”. García Mateo esbozou tres ideas para definir o EEES. Nas súas palabras, “unha única estrutura de títulos, unha mesma unidade de medida, o crédito ECTS, e un mesmo certificado de estudos, o Suplemento Europeo ao Título“. Referiuse tamén aos graos, onde o reto para as universidades está “en que se fagan en catro anos” e enumerou dúas metas nesta etapa de formación. Nas súas palabras, “que se considere no mundo laboral que a cualificación dos nosos graduados é a adecuada e a necesaria para o emprego e que sexan autónomos, capaces de determinar que é o que lles falta e buscar a maneira de conseguilo”.
Polo que respeta aos posgraos, a vicerreitora definiunos como “unha formación avanzada e especializada onde as prácticas son obrigatorias”. Na actualidade a Universidade de Vigo está a rematar a primeira etapa de adaptación das titulacións ao EEES pasando de 58 a 39 graos, dos que 10 están no campus de Ourense. Polo que respeta aos posgraos, a institución conta na actualidade con 66, un número que García Mateo considera excesivo. “Son demasiados –explica-. Destes só sobrevivirán aqueles que sexan recoñecidos polos profesionais e pola sociedade en xeral”. A poñente rematou o relatorio lembrando que “Boloña non acaba no 2010, ao contrario, a construción do espazo europeo vai levar moito máis tempo”.

A transferencia do coñecemento, un reto da universidade e da empresa

O punto de vista empresarial chegou da man de Juan José Molinos, secretario xeral da CEO. Comezou a súa intervención subliñando o que definiu como “un dos grandes males do noso tempo: a desconexión entre a formación e a accesibilidade ao emprego”. Lembrou os datos do paro para afirmar que o nivel de formación aínda non abre definitivamente as portas ao mercado laboral. “Cabería esperar que os titulados universitarios se achegasen ao pleno emprego e, sen embargo, nada disto está a pasar. Unha mellor formación non está a garantir un mellor emprego e unha mellor retribución económica”, declarou. Juan José Molinos cualificou de “oportuno” o Plan Boloña, unha afirmación que xustificou na necesidade que ten o mundo empresarial de conectar os plans de estudo coa realidade laboral. “Dende o punto de vista das empresas, observo que a transformación que leva consigo o Plan Boloña é unha oportunidade para compensar unha deficiencia histórica: a transferencia do coñecemento”, declarou. O poñente lembrou na súa intervención que máis do 85% dos titulados universitarios recalan na empresa privada, “de aí a necesidade de adecuar os plans de estudo á realidade da oferta empresarial”. Juan José Molinos asegurou que os empresarios “queremos implicarnos coa formación, coa universidade e coa docencia” e defendeu a necesidade de que o ensino universitario e o ámbito académico “conflúan cara a empresa porque só así será posible que os titulados que o desexen convertan o seu soño nun modelo de negocio de éxito”.

As xornadas continúan este sábado con mesas redondas sobre estudo e traballo

As Xornadas de Formación para o Emprego é unha actividade organizada pola Confederación Española de Empresas de Formación (CECAP) en colaboración coa Universidade de Vigo e o Concello de Ourense. O evento continuará o seu desenvolvemento este sábado con dúas mesas redondas que tratarán sobre O futuro da formación de traballadores en Galicia e sobre O mercado laboral e os Certificados de Profesionalidade.