DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Máster en creación, dirección e innovación na empresa inicia unha nova edición

Formación especializada para directivos altamente cualificados

O acto inaugural do curso contou coa intervencion de José Mª Gómez Gras cun relatorio sobre estratex

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 25/09/2009

A innovación e o emprendemento son na actualidade dúas das características máis importantes para mellorar a competitividade e a produtividade das empresas. Dous requisitos nos que pon o acento o Máster en creación, dirección e innovación na empresa, orientado á formación dos directivos e directivas do futuro, con alta cualificación e preparación para a nova realidade.
Empresarios, autoridades do mundo da política, profesores e alumnos reuníronse este venres na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo para dar comezo ao novo curso do mestrado que cumpre este ano a súa segunda edición e no que volve apostar, segundo afirmou a súa directora, Ana Gueimonde, pola innovación e o emprendemento como “elementos cruciais para o impulso da produtividade e competitividade das empresas”. Seguindo esta liña, o necesario pulo cara a cultura da I+D+i “pasa por dispoñer de directivos altamente cualificados en xestión e dirección de empresas cunha neta orientación cara a innovación”. O persoal directivo altamente formado constitúe a dimensión esencial “xeradora do ambiente propicio para o desenvolvemento de iniciativas empresariais que contribúan a impulsar o progreso do sur de Galicia”. Para rematar, Gueimonde non se esqueceu dos apoios cos que esta proposta de estudos conta dentro da sociedade, “sen os cales o mestrado non tería éxito”, ao tempo que felicitou ao alumnado pola súa elección.

A formación do emprendemento

“O espírito emprendedor é unha facultade humana, pero a esa calidade hai que engadir coñecementos específicos”, asegurou Andrés Hermida, director xeral de Promoción de Emprego da Xunta de Galicia, no acto de benvida aos novos estudantes. Por ese motivo “é un reto para todos nós conseguir que a opción do emprendemento sexa contemplada polos estudantes dende o comezo da súa vida activa como unha opción para o desenvolvemento do seu futuro profesional”.
Por parte do Concello de Ourense, o seu alcalde Francisco Rodríguez declarou estar “cada día máis orgulloso do noso campus, orgullo froito do traballo serio e rigoroso de todo o profesorado que fai posible que Ourense sinta que ten detrás unha Universidade que nos conduce ao futuro”.
Ao alumnado do mestrado dedicou Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus, a súa intervención, agradecendo aos estudantes ter confiando na Universidade de Vigo e neste campus para matricularse, "facedes unha aposta pola calidade e por vós mesmos. Non vos imos defraudar”. Ademais tamén lles deu as grazas porque nunha “época na que todo o mundo quere ser funcionario, é moi valente e moi intelixente esta elixir esta opción, apostades por crear unha empresa e, polo tanto, por xerar emprego e riqueza”.
Emilio Atrio, presidente do Consello Social, pola súa parte, fixo un chamamento a unha maior colaboración entre Universidade e sociedade, avogando por intensificar o diálogo, “é chegado o momento de que as políticas universitarias se orienten cara os sectores económicos e socias da súa contorna e que o sistema produtivo coñeza e confíe na Universidade”.
Pola súa banda, Flora Castro, vicepresidenta da Confederación de Empresarial de Ourense, manifestou no nome de todas as empresas implicadas no patrocinio do mestrado, “o orgullo de participar nun proxecto de crear empresa no amplo sentido da palabra”. Así mesmo, Castro desexou que esta iniciativa “se consolide como unha ferramenta indispensable para todos os profesionais, porque só a través do noso capital humano faremos posible a excelencia do noso capital empresarial”.

Que diferenza ás empresas gañadoras das perdedoras?

Con este título, José Mª Gómez Gras, catedrático de Organización da empresa da Universidade Miguel Hernández , ofreceu a primeira lección do curso. Gómez Gras centrouse durante a súa intervención nas estratexias empresariais fronte á crise, “no que están facendo aqueles casos de éxito de empresas nestes tempos”. Para o catedrático, “a heteroxeneidade empresarial explica porque unhas empresas teñen éxito e outras non”. O primeiro erro de moitas entidades “é que non teñen claro o que queren os seus clientes, non coñecen ao seu mercado”. O segundo erro habitual é atribuír só ás circunstancias a súa situación. Citando a Albert Einstein, Gómez Gras dixo que “quen atribúe á crise os seus fracasos e penurias violenta o seu propio talento e respecta máis aos problemas que ás solucións”. Isto sucede en moitas empresas que “non queren cambiar nada para mellorar, queren seguir co mesmo modelo de negocio, e iso é un erro”.