DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte acollerá o 25 de marzo un seminario sobre esta problemática

Formación fronte a unha lacra que afecta ao 20% dos nenos e nenas europeos, o abuso sexual

A Vicerreitoría do campus promove un curso que abordará o papel do profesorado na detección do maltr

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 10/03/2014
Segundo o Consello de Europa, estímase que o 20% dos nenos e nenas do continente é vítima dalgunha forma de violencia sexual, lacra á que esta institución busca dar visibilidade a través da campaña Un de cada cinco, na que se enmarca o seminario Formación de mediadores para a prevención do abuso sexual infantil, que o 25 de marzo se desenvolverá na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. De carácter gratuíto e aberta a toda a cidadanía, esta xornada organizada pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e a Federación de Asociacións para a Prevención do Maltrato Infantil (Fapmi) busca fomentar a concienciación de alumnado e profesionais para contribuír á construción dunha rede de prevención que permita loitar de forma eficaz contra o abuso e o maltrato.

Partindo da idea de que a prevención do abuso sexual en nenos e adolescentes é unha tarefa colectiva que debe comprometer a institucións, profesionais e á cidadanía no seu conxunto, o Consello de Europa puxo en marcha a campaña na que se enmarca o seminario que o martes 25 abordará na facultade pontevedresa “unha problemática sobre a que a sociedade non está o suficientemente informada e sensibilizada, xa que en ocasións mesmo se ten chegado a ocultar a existencia de casos de maltrato ou abuso”, lamenta Francisca Fariña, decana de Ciencias da Educación e do Deporte. Xunto con Antonia Blanco, vicerreitoria do campus de Pontevedra, Fariña será a responsable da presentación dun seminario no que Tomás Aller, coordinador xeral de Fapmi-Ecpat España, presentará aos asistentes os obxectivos da campaña Un de cada cinco e as diferentes ferramentas desenvolvidas no marco desta iniciativa. Este seminario contará tamén cun relatorio sobre maltrato infantil, no que participarán José Vázquez, docente de Psicoloxía Básica da Universidade de Vigo, e Dolores Seijo, profesora de Psicoloxía Social da Universidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, nesta xornada desenvolverase unha mesa de dabate sobre o abuso sexual infantil na que Ramón Arce, catedrático de Psicoloxía Xurídica e Forense da USC, e Manuel Vilariño, da Unidade de Psicoloxía Forense da USC, abordarán as “falsas crenzas e estratexias de prevención na materia”.

O importante papel do profesorado na detección de posibles casos

Este seminario ten entre os seus obxectivos a “formación de formadores”, dado o importante papel que os mestres xogan na prevención e detección de casos de maltrato e abuso sexual infantil. Neste senso, Francisca Fariña fixo énfase no interese que teñen estas xornadas para o alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte, “que no seu futuro como mestres serán os profesionais que máis tempo pasen en contacto cos nenos e nenas, polo que é importante que dispoñan dos coñecementos necesarios para poder detectar e prever o maltrato na infancia”.

Fariña incide na necesidade de que o profesorado “estea atento a calquera comportamento diferente dos nenos e nenas, xa que poden ser síntoma de moitos problemas, entre eles, de posibles casos de maltrato ou abuso sexual”. Loxicamente, os episodios de tristura do neno, a súa falla de integración no grupo ou as reaccións de medo ante o contacto físico poden vir causados por múltiples factores, mais, como explica a decana, “se todo o mundo se pon en alerta é máis fácil detectar os problemas, do mesmo xeito que se ninguén presta atención aos comportamentos do neno é máis doado que as situacións de maltrato perduren no tempo”. Por iso, a decana subliña a necesidade de que o profesorado actúe desde o momento en que se detecta ese comportamento diferente, poñendo a situación en coñecemento do titor e do orientador do centro. Así mesmo, tamén fai énfase no feito de que "os mestres son os profesionais que máis tempo pasan cos nenos fóra da súa contorna, á que en ocasións pertence a persoa que realiza o abuso”. De feito, segundo os datos difundidos polo Consello de Europa, entre o 70 e o 85% dos casos de violencia sexual teñen como autor a unha persoa á que vítima coñece.

Aberto a estudantes e profesionais e á cidadanía en xeral

Á concienciación e sensibilización serán, segundo Fariña, as principais achegas dunha xornada formativa “necesaria e interesante para todo o alumnado do campus”. Máis alá do valor desta formación para o profesorado do futuro, a decana salienta tamén a importancia de que os futuros profesionais no ámbito da comunicación “saiban como se debe tratar desde un punto de vista informativo un tema tan sensible” e a necesidade de que esta formación chegue tamén ao alumnado de titulacións como Fisioterapia ou Enfermería, “xa que os profesionais do ámbito sanitario son tamén moi importantes de cara a detección de posibles abusos”.

Ademais de á comunidade universitaria, estas xornadas tamén están dirixidas á contribuír á sensibilización de profesionais de diferentes ámbitos e da cidadanía en xeral, xa que a campaña do Consello de Europa entende á figura do mediador como toda aquela persoa adulta que queira traballar na prevención do abuso sexual infantil. As inscricións neste seminario deben realizarse a través dun correo electrónico dirixido a vic.pon@uvigo.es, no que se indiquen nome, apelidos, número de DNI e teléfono de contacto.