DUVI

Diario da Universidade de Vigo

50 estudantes de toda España están matriculados no mestrado de Información do Medicamento

Formación virtual e prácticas presenciais para os visitadores médicos

A Universidade de Vigo e CEATIMEF asinan dous convenios de colaboración

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 14/01/2011
Coa posta en marcha de estudos a través de Internet as universidades enfróntanse ao reto de proporcionar unha formación práctica axeitada aos estudantes que se matriculan neles. É o caso dos preto de 50 alumnos de toda España que cursan o máster virtual Universitario en Información Técnica do Medicamento. Para que poidan facer prácticas como visitadores médicos nas súas cidades, a Universidade de Vigo vén de asinar dous convenios de colaboración coa asociación profesional do sector, a Confederación Española de Asociacións Profesionais de Informadores Técnicos Sanitarios CEATIMEF.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Óscar M. Rilo, presidente da CEATIMEF, que agrupa a 15.000 profesionais, foron os encargados este venres de asinar os dous acordos. Segundo salientou a vicerreitora, o obxectivo final desta iniciativa é “consolidar a fase de prácticas do mestrado para ao final ter os mellores profesionais visitadores médicos”. Un obxectivo compartido polo responsable de CEATIMEF, que se amosou “moi satisfeito por este convenio porque desde a confederación apostamos moi seguros pola formación”.

O primeiro dos acordos é un convenio marco no que as dúas institucións se comprometen a realizar actividades e proxectos conxuntos en todo tipo de asuntos que resulten de interese para ambas entidades. Entre estas áreas de relevancia inclúense actividades de desenvolvemento de proxectos de investigación; organización e realización de actividades académicas; apoio a investigadores e estudantes; intercambio de materiais académicos ou mobilidade de estudantes e de persoal docente.

Mestrado pioneiro

Este convenio marco irase concretando progresivamente en convenios específicos segundo cada proxecto. O primeiro deles foi asinado este venres e establece un programa de prácticas para os estudantes do máster on-line universitario en Información Técnica do Medicamento. Os arredor de 50 alumnos de toda España matriculados neste mestrado terán a oportunidade de realizar as prácticas de visitadores médicos nas delegacións da CEATIMEF máis próximas ao seu domicilio.

Con este período de prácticas, Inés C. Canle e Alberto Vaquero, os profesores da Facultade de Dereito coordinadores do mestrado, salientan que se completa un máster, pioneiro no ámbito internacional, que comezou este curso con moito éxito e froito traballo que se viña realizando no Graduado Superior en Información Técnica do Medicamento da Universidade de Vigo.