DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Oficina de Relacións Internacionais convoca 20 bolsas para o alumnado

Fórmate en cooperación internacional ao abeiro da xuntanza do Panel sobre Cambio Climático da ONU

A presentación de solicitudes remata o 14 de setembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 06/09/2012

300 científicos chegados de todo o mundo daranse cita entre os días 3 ao 9 de novembro na xuntanza que o Grupo III do Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático (IPCC) da ONU celebrará en Vigo. A reunión, a única que se celebrará en Europa, dentro do proceso de elaboración do seu próximo informe de avaliación sobre a mitigación do cambio climático, converterase tamén nunha ocasión única para que o alumnado da Universidade de Vigo poida formarse en cooperación internacional. A decisión da Oficina de Relacións Internacionais de convocar unha vintena de bolsas de colaboración complementaria para o alumnado permitirá aos estudantes seleccionados participar na atención aos expertos da ONU que participarán na xuntanza, contribuíndo tanto no apoio lingüístico como informático xunto aos organizadores do evento. “O alumnado que acade estas bolsas”, explica o catedrático da Universidade de Vigo Xavier Labandeira, ”terá a oportunidade de axudar na xestión dunha xuntanza internacional de primeiro nivel, con toda a diversidade que levará aparellada e nun tema de tanta relevancia científica, académica e social como é o cambio climático”.

O alumnado que queira optar a unha destas bolsas, ademais de estar matriculado no curso 2012-2013, deberá ter coñecementos de inglés, francés ou alemán, así como básicos de informática e dispoñibilidade entre o 5 e o 9 e novembro pola mañá e/ou pola tarde. As solicitudes poderán entregarse ata o 14 de setembro.

Apoio loxístico nunha reunión de primeiro nivel

A finalidade das bolsas que facilitarán ao alumnado iniciarse en tarefas que, ou ben estean vinculadas aos estudos que están a cursar, ou ben lles sirvan de aprendizaxe laboral, entronca de cheo cunha das liñas estratéxicas da Oficina de Relacións Internacionais como é promover a participación da comunidade universitaria en actividades de cooperación internacional. “Os bolseiros basicamente darán apoio loxístico ao desenvolvemento dunha xuntanza relativamente longa e intensa”, sinala Labandeira que será o encargado de titorizar aos beneficiarios das bolsas que recibirán a formación necesaria para poder colaborar no desenvolvemento da xuntanza. Unha reunión , a única que o Grupo III do IPP celebra nesta xeira en Europa, que Labandeira considera “moi positiva para a nosa universidade, pero tamén para Vigo, Galicia e España” e que conta coa colaboración da Universidade de Vigo e Economics for Energy, o apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Vigo, as fundacións Barrié, Entrecanales e Ramón Areces, o Centro Vasco de Cambio Climático e que conta co aval do representante español ante o IPCC, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

O IPCC, Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático, é un organismo do que forman parte expertos de todo o mundo e de diversos eidos do coñecemento xunto con gobernos de 195 países. A súa finalidade é a elaboración dun informe cada seis anos con base nas investigacións científicas, técnicas e socioeconómicas desenvoltas por miles de expertos de todo o mundo. O traballo divídese en tres grupos, un centrado nos aspectos científicos, outro avalía a vulnerabilidade dos sistemas socioeconómicos e naturais ao cambio climático, e o terceiro ocúpase das emisións de gases de efecto invernadoiro e os seus efectos, grupo do que é autor principal o catedrático Xavier Labandeira.