DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un informe presentado este martes en Santiago de Compostela

O Foro Económico prevé para Galicia un crecemento superior ao 2,5% en 2017

Froito da análise das estimacións de PIB que ofrecen Funcas, IGE, BBVA Research e Hispalink

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 04/04/2017

O Foro Económico de Galicia, liderado polo Grupo Gen, Governance and Economics Research Network, da Universidade de Vigo, presentou este martes o Informe Previsións de Crecemento do PIB de Galicia. Exercicio 2017. A previsión de consenso obtida polo entidade, en base á análise de estimacións de diferentes entidades, é dun crecemento previsto superior ao 2,5%, establecéndose unha banda de confianza de crecemento previsto do 2,5 ao 2,8%.

O informe, explican en nota de prensa desde a entidade, está elaborado por un equipo de expertos do Foro Económico de Galicia baixo a dirección dos profesores Fernando González Laxe, Xosé Francisco Armesto, Patricio Sánchez e Santiago Lago. Integrado por máis de 50 profesores e investigadores das tres universidades galegas, empresarios, directivos e xornalistas especializados en divulgación económica, o Foro Económico de Galicia enmarca a publicación deste documento no seu papel de plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade e aos espazos de decisión pública.

Combinación de cifras

O documento presentado este martes en Santiago de Compostela, sinalan os seus promotores, nace cunha tripla finalidade. A primeira consiste en ordenar e presentar todas as previsións dispoñibles para o PIB de Galicia en 2017. A segunda céntrase en avaliar a capacidade preditiva das diferentes institucións públicas e privadas nos anos anteriores. En terceiro lugar, o documento procura ofrecer unha previsión de consenso baseada na combinación das diferentes cifras dispoñibles para 2017 e propoñendo unha banda de confianza a partir da información máis recente do Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica.

Concretamente, a previsión de PIB proposta polo Foro Económico de Galicia para 2017 combina as cifras que ofrecen o Instituto Galego de Estatística, Funcas, BBVA Research e Hispalink, tendo en conta a súa capacidade predictiva demostrada en 2015 e 2016 dando máis ponderación a quen atinou máis nese período. As institucións que máis se teñen aproximado nos dous últimos anos nas súas previsións ex-ante, apuntan desde o foro, son o Instituto Galego de Estatística e Funcas. Pola contra, engaden, o BBVA Research e Hispalink amosan un nesgo á baixa e a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal AIReF un nesgo á alza. “En vez da media simple calculamos unha media ponderada das diversas previsións dispoñibles, de xeito que as ponderacións reflicten os erros cometidos no pasado por cada unha das institucións. É dicir, dámoslle máis peso (e confianza) a aquelas institucións que teñen atinado máis no pasado recente”, aclaran desde o Foro Económico de Galicia. Sobre esta estimación puntual, a equipo de expertos da entidade determina unha banda de confianza baseada, fundamentalmente, na extrapolación dos últimos datos dispoñibles do Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica de Galicia.

Como resultado, o crecemento apuntado polo Foro Económico de Galicia para 2017 sitúase nunha cifra superior ao 2,5%. Porén, o equipo que elaborou este informe considera, ao abeiro do seguimento continuo da conxuntura galega e coa información dispoñible ata marzo de 2017, que ese valor sería un límite inferior dun intervalo que podería chegar ata 2,8%, dependendo do comportamento final da economía española.