DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un documento feito público pola entidade este venres

O Foro Económico prevé que o PIB galego medre entre un 4,8% e un 8,8% en 2021

Estas cifras estímanse sen ter en conta os Fondos Next Generation EU

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Transferencia
DUVI Ourense 19/02/2021

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), prevé que a economía galega medre entre un 4,8% e un 8,8% no 2021. Os escenarios prospectivos da entidade para este ano contemplan para Galicia dúas posibles evolucións dependendo fundamentalmente da evolución sanitaria da pandemia, da velocidade e eficacia do proceso de vacinación e, a partir de aí, da normalización da vida económica. “A evolución máis optimista suporía un crecemento do +8,8% do PIB e a pesimista un aumento do PIB ao redor do +4,8%. Pola contra, no caso de que fora preciso realizar un novo confinamento semellante ao dos meses de marzo e abril de 2020, sufriría unha caída do -1,5% do conxunto do ano”, indican desde o foro.

Esta análise está recollida no documento Previsións de crecemento para a economía galega. PIB de Galicia ano 2021, lanzado este venres pola entidade e asinado polos economistas Santiago Lago, José́ Francisco Armesto, José́ María da Rocha, Fernando González Laxe e Patricio Sánchez. Sobre as previsións apuntadas anteriormente, os seus responsables salientan que non recollen o impacto positivo dos Fondos Next Generation EU “polas incertezas que existen aínda sobre os proxectos tractores que serán apoiados e a súa ubicación xeográfica e tamén pola celeridade na execución”. Deste xeito, indican en nota de prensa desde a entidade, “supoñendo que o impacto en Galicia sexa homoxéneo respecto ao que o Banco de España ten cuantificado para a economía española, as cifras anteriores elevaríanse, respectivamente, ata un +10,1% e un +5,4%”.

Diversos escenarios

O informe divídese en dúas partes diferenciadas: a primeira, centrada nos resultados do acontecido en 2020, e a segunda, na que os economistas presentan as diversas previsións -das dispoñibles para 2021- e realizan a súa propia análise de prospectiva de posibles escenarios. O escenario máis optimista (nomeado Covid A +8,8%) está baseado no cumprimento das seguintes condicións: restricións leves ou moderadas durante o primeiro e segundo trimestres de 2021 e pouco relevantes durante o resto dos trimestres do ano. “Neste escenario suponse que a campaña de vacinación remataría durante o verán e, polo tanto, a produtividade da economía recuperaríase plenamente a partir do terceiro trimestre do 2021”, sinalan desde o Foro Económico de Galicia. O escenario Covid-B (+4,8%), engaden, daríase no caso de que o impacto das restricións fose medio-alto nos dous primeiros trimestres e que se mantivese parcialmente durante o verán.

Finalmente, explican desde o Foro Económico de Galicia, os escenarios debullados non contemplan o efecto positivo xerado polos Fondos Next Generation EU, por dous motivos. Primeiro, detallan, “pola incerteza sobre a parte dos mesmos que se vaia executar finalmente en 2021”, e segundo, “pola incerteza no que atinxe á parte dos mesmos que terá impacto territorial directo en Galicia”. Sen coñecer que proxectos tractores e cando serán apoiados, afirman os economistas no documento, “é difícil cuantificar o seu efecto”. En todo caso, tomando como referencia os cálculos do Banco de España para o conxunto da economía española e supoñendo que o impacto na taxa de variación do PIB de Galicia estea na media para o conxunto de España, “as taxas sinaladas nos dous escenarios poderían aumentar entre 0.6 e 1.3 puntos porcentuais dependendo de que a execución dos fondos acumule retrasos ou sexa rápida”, indican os autores do traballo.
 
O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesorado das tres universidades galegas, empresariado e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica, reunindo a "un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega”, tal e como indican desde a entidade.