DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun documento presentado este xoves en Santiago de Compostela

O Foro Económico reivindica a inserción de Galicia no sistema europeo de transporte marítimo-terrestre

Nel poñen o aceno en cuestións como a conectividade e a intermodalidade

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 15/11/2018

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Gen da Universidade de Vigo, fixo público este xoves o documento Os retos para a Galicia do século XXI no sistema europeo de transporte marítimo-terrestre. Nel reflexiónase sobre a modernización do sistema galego de transportes no contexto europeo e faise fincapé en cuestións como a conectividade e a intermodalidade.

Os profesores Fernando González Laxe, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Coruña, e Jaime Barreiro Gil, profesor de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, son os autores deste documento número 26 da entidade, cuxa presentación contou, entre outros, coa participación do catedrático da Universidade de Vigo e director do Foro Económico de Galicia Santiago Lago. “Dende o foro consideramos fundamental a definición dunha estratexia dende e para Galicia que garanta a nosa inserción nos diferentes corredores de transporte europeo. Unha estratexia que debera ser amplamente consensuada e compartida polos distintos actores políticos e sociais do país”, indican desde a entidade.

Presente e futuro

Sobre a importancia de acometer o estudo realizado, os seus autores afirman no documento que “sendo membros da Unión Europea e considerada dentro dela a política de transportes como peza fundamental da súa propia formación, tanto en termos de cohesión territorial e social como de promoción do crecemento económico, calquera dos países membros e as súas rexións, cal é o caso de Galicia en España, deben trazar as liñas estratéxicas dos seus respectivos sistemas de transporte en coherencia, coordinación e integración, incluso orzamentaria, do sistema europeo que se define”.

Os autores do documento presentado este xoves, indican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, “parten do parcial relegamento de Galicia (ao igual que outras comunidades autónomas e rexións europeas) nas formulacións iniciais dos novos corredores de transportes europeos que non garanten a súa intermodalidade nin a total interoperatividade do sistemas e modos de transporte”. Asemade, engaden, o documento fai fincapé no caso de Galicia nos baixos índices de utilización dos investimentos, “onde destaca negativamente o escaso número de plataformas loxísticas que permitan maximizar as economías de aglomeración”. Na súa análise do sector galego, os autores do documento tamén indican cuestións como que “hoxe o sistema de transporte ferroviario de mercadorías e as actuais conexións ferro-portuarias non resultan en absoluto atractivas para a maioría das empresas, nin tan sequera para aquelas localizadas arredor das que se desenvolve unha intensa loxística de transporte”.

No documento chámase a atención sobre “o incumprimento parcial dos obxectivos referentes a infraestruturas de grande influencia económica e vencelladas ás políticas de ordenación territorial como o AVE, os portos secos e as relacións ferro-portuarias”, segundo explican desde o Foro Económico de Galicia.  “Son, pois, materias pendentes dende hai anos que requiren de solucións pactadas e consensuadas”, afirman os autores do traballo. Igualmente, indican desde o Foro Económico de Galicia, no documento “sinálanse outras dúas eivas de gran transcendencia estratéxica que cumpre atender axiña: os baixos índices de conectividade internacional e a reducida inserción das actividades produtivas e de servizos nas cadeas globais de subministro”.

“Hoxe en día cómpre medir a nova evolución das relacións dos transportes e da loxística; afianzar a vía litoral para o propio desenvolvemento e reforzar o rol das cidades-porto de cara a unha nova lóxica urbana e marítima. Ben sabido é que os tráficos marítimos están correlacionados coa talla urbana e as grandes vilas deben apostar por ser centros de gravidade das conexións mundiais”, indícase no documento presentado este xoves no Centro Social A Banca en Santiago de Compostela.