DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arranca en Vigo a 12 edición dun encontro que trae ao campus arredor de 20 empresas

O Foro Tecnolóxico de Emprego deixa patente que o mercado laboral segue a demandar enxeñeiros

Mato felicita ao alumnado por sacar adiante esta iniciativa “nun intre tan difícil”

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 21/03/2012
Pretende achegar o mundo empresarial aos futuros enxeñeiros e deixar patente que, pese aos tempos que corren, o mercado laboral segue demandando enxeñeiros. Este mércores inaugurouse no campus a décimo segunda edición do Foro Tecnolóxico de Emprego coa presenza de 14 stands e preto de vinte empresas participantes. Organizado polas delegacións de alumnos das tres escolas de enxeñarías do campus, o Foro Tecnolóxico é toda unha oportunidade para que alumnado e recén titulados de Telecomunicación, Industrial e Minas teñan “máis preto” a oferta laboral das principais empresas dun sector que aínda está aberto a novas contratacións.

Tanto o reitor, Salustiano Mato, como Pablo Sánchez, coordinador do foro, destacaron a cita como o lugar ideal no que acadar as claves para poder mergullarse no mercado laboral. Durante a inauguración, na que estiveron acompañados polo concelleiro de Emprego, Santos Héctor, e os directores das escolas de enxeñaría de Telecomunicación e Industrial, Mato fixo fincapé en que se trata dunha iniciativa “dos alumnos para os alumnos” e, nesta liña, salientou que compre, “sobre todo nun intre tan difícil como o actual”, valorar o esforzo do alumnado na organización do foro. “É a mellor maneira de dicirlle a cidadanía que na Universidade non nos vai a vencer nunca o desalento, por moita crise que exista”, engadiu. Tamén insistiu nesta idea o concelleiro de Emprego, que animou aos novos enxeñeiros a “sacar o mellor do voso inxenio para vencer as dificultades”.

Empresas optimistas

As empresas tamén son optimistas e a cada persoa que se achega aos seus stands tentan transmitirlle a idea de que, aínda que quizais con menor intensidade ca noutras épocas, segue habendo cabida para “novos talentos”. Así llo transmitía Reyes López- Cela, responsable de Recursos Humanos de Norvento a Manuel Gesto, estudante de Enxeñaría Industrial, que se achegou ao posto desta compañía enerxética para interesarse “polo perfil de xente que están a buscar”. Tivo sorte, pois López Cela explicoulle que “buscamos enxeñeiros industriais con capacidade, inquietudes e un perfil moi innovador”. Cómo podo facervos chegar o meu currículo?, preguntou Gesto, que acudíu ao foro acompañado por un compañeiro de escola. “Podes deixarmo agora mesmo aquí ou, se prefires, facelo a través da web ou do noso correo electrónico. Aínda que nese intre en concreto non teñamos ningunha oferta sempre estamos moi atentos aos perfís que nos poden interesar”, salientou a experta en Recursos Humanos.

Perfil máis buscado: enxeñeiro de telecomunicación con elevado nivel de francés

Ao carón do stand de Norvento, firma que se estrea este ano no foro, está o da consultora Altia, un clásico desta cita “pois penso que non faltamos ningunha edición”, apuntou Gonzalo Sanmiguel, que atende o posto xunto ao seu compañeiro Roberto Pérez. Noutras edicións recolleron máis de cen currículos “que finalmente se materializaron en varios contratos”. Nesta ocasión acoden a este encontro na procura dun perfil moi concreto: “enxeñeiro de telecomunicación ou informático con alto nivel de francés”, subliña Pérez, que insiste en que os candidatos que cumpran estes requisitos “teñen moitísimas posibilidades de atopar traballo, non só na nosa empresa, senón na maior parte das deste sector”.

Entre os stands, Pablo Gajino conversaba con algúns ex-compañeiros. El rematou Enxeñaría de Telecomunicación na especialidade de Telemática hai dous anos e agora participa no foro como poñente, presentando a empresa viguesa Decuna, dedicada á automatización industrial e robótica “con máis da metade do cadro de persoal composto por enxeñeiros formados en Galicia” e o laboratorio de ideas da Asociación Científico Tecnolóxica RED, creada por el mesmo e outro excompañeiro, Javier Martínez, “dous galegos con gañas de innovar novos produtos e solucións”. Gajino aproveitou esta cita para animar ás novas xeracións a non quedarse quieto e buscar sempre alternativas. “Eu rematei no 2008, o peor intre da crise, cando menos para o noso sector, pero agora están empezando a xurdir moitas oportunidades”, insistiu. A crise levouno a desprazarse ata Londres, onde traballou para Sony Computer Entertainment Ltd, se ben agora está dedicado completamente á asociación “buscando novas ideas, tanto a nivel comercial como académico”.

Axenda completa ata o venres

Alcoa, R, Altran, Fundación Barrie, Ega Consultores, Fundación Faimevi, Feuga, Repsol, Tecnocom... son outras firmas que dende hoxe e ata o venres van atender no vestíbulo da ETS de Enxeñaría de Minas as dúbidas dos futuros enxeñeiros. Ata entón, ademais dos stands, haberá diferentes actividades que inclúen dende workshops, organizados por diferentes empresas ata varias mesas redondas, incluída unha sobre vehículos eléctricos, “un tema de gran potencial”, segundo destacou o coordinador do foro.