DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iván Area e Abel Caballero clausuraron o encontro “dos estudantes para os estudantes”

O Foro Tecnolóxico de Emprego pecha a súa novena edición con resultados gratificantes para empresas e estudantes

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Lucía Costas DUVI 02/04/2009

Despois de tres xornadas cheas de actividades científico-tecnolóxicas coa finalidade de que os futuros enxeñeiros coñezan máis polo miúdo o mundo empresarial, Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais e Abel Caballero, alcalde de Vigo, foron os encargados de clausurar a novena edición do Foro Tecnolóxico de Emprego.
“Unha iniciativa que xurde do estudante para o estudante”, remarcaba Area, “onde a Universidade só fai unha achega de recursos, correndo a cargo do alumnado o resto do traballo”. Neste senso, o vicerreitor felicitaba a organización polo labor feito en todas estas edicións, mellorado cada ano. Ao mesmo tempo, facía fincapé no feito “da colaboración e o acordo entre os distintos centros”, unha cuestión importante de cara ao futuro “á hora de realizar proxectos interrelacionados”.
Caballero, pola súa parte, cualificaba este encontro como “unha experiencia singular e diferente, por cómo se leva a cabo, polo que significa e polo que nel se pon de manifesto”. O alcalde sinalaba o foro como “un reflexo de espírito innovador e emprendedor”, subliñando a “gran capacidade dos estudantes formados na Universidade de Vigo”. Neste liña, Area recordaba que “é no achegamento ao mundo laboral onde o alumno debe focalizar os seus esforzos, en ver que é o que piden as empresas e qué lle podedes ofrecer vós a elas”.

As empresas buscan talentos con bo expediente

Máis de trinta empresas participaron e colaboraron neste encontro organizado pola delegación de alumnos das catro escolas de enxeñaría do campus vigués. 18 empresas ocuparon cada seu stand, a través do cal se presentaban aos alumnos, ofertaban bolsas, recollían currículos e realizaban diferentes exhibicións. En xeral, todas elas saen gratificadas do encontro, cada edición saen estudantes colocados, ben con contrato laboral ou mediante unha bolsa. Neste senso, os representantes das entidades tamén coinciden en que veñen a este foro por que saben que nestas escolas existen alumnos moi ben formados, polo que se trata dun bo sitio onde atopar candidatos para diferentes postos.
Paula Seoane, técnica de selección e desenvolvemento de Tecnocom, unha das cinco maiores compañías do sector en España, con máis de 5000 empregados, 600 en Galicia, sinala que veñen “na procura de titulados enxeñeiros para o crecemento e desenvolvemento da empresa”; nesta liña, explica que buscan persoas “dinámicas, que queiran traballar con tecnoloxías líderes no mercado e abranguer proxectos complexos”. Pola súa parte, Gonzalo Sanmiguel, xefe de proxectos de Altia Consultores, entidade que ven colaborando cada ano dende a primeira edición do foro, explica que están “nun período de importante crecemento, no que o elemento humano é clave”, estudantes formados en enxeñaría e ciencias é o perfil que procuran, para o cal “este ano xa recollemos preto de 50 currículos que, posteriormente, pasarán por un proceso de selección”. Na mesma liña, tamén se pronuncian Laura Núñez e María José Sarrión, do Departamento de Selección de Persoal de Everis, “demandamos enxeñeiros e científicos, xa son catro os anos que levamos vindo a Vigo e a experiencia é moi positiva, de todos estes currículos, máis de 70, sempre sae algún posto de traballo”.
Almudena Goulard, responsable de Recursos Humanos de Altran, destaca “o perfil persoal dos titulados nesta Universidade”, pois xa non só conta o aspecto técnico senón que “interesan máis factores como a dispoñibilidade, o traballo en equipo, o empuxe, a ilusión...”.
En xeral, todos coinciden no mesmo, veñen ao foro na procura de talentos con bo expediente académico, iniciativa, creatividade e orientación a obxectivos, habilidades para o traballo en equipo, etc., para formar parte dos diferentes departamentos científico-tecnolóxico, e incluso tamén en áreas económicas. Unha oportunidade para ambos, empresa e estudante, que nestas xornadas puideron establecer un contacto máis directo e cordial a través de todas as actividades levadas a cabo; unhas relacións que, de seguro, proseguirán nalgúns dos casos.