DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase do 5 ao 7 de marzo nas tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo

O Foro Tecnolóxico de Emprego sumará este ano a participación de empresas do sector sanitario

En total asistirán ao encontro máis de 40 empresas, a capacidade máxima do evento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 30/01/2024

Máis empresas, incluíndo, por primeira vez, firmas do sector sanitario. Así será a XXIV edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, a cita que cada ano reúne no campus de Vigo ás futuras e futuros enxeñeiros co sector empresarial. Será do 5 ao 7 de marzo nas tres escolas de enxeñaría: Industrial, Minas e da Enerxía e Telecomunicación. “A principal novidade desta edición é o aumento da capacidade, impulsado polo entusiasmo das empresas en participar neste evento e, máis concretamente, a incorporación de numerosas firmas do sector sanitario, cumprindo así coa demanda específica do alumnado do Grao en Enxeñaría Biomédica”, explica Carlota Cañamero, estudante do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, principal cabeza visible dun equipo composto por máis de 70 colaboradores, estudantes das tres escolas, dos que 18 exercen como coordinadores das diferentes áreas (infraestruturas, conferencias, tesourería, comunicación, web...).

A pouco máis dun mes para o arranque, xa está pechada a participación das empresas. Serán en total 41 firmas, incluíndo nomes que son fieis ao evento e acoden todos os anos -Borgwarner, Centum, Gradiant, Optare, Cortizo, Televés, Imatia, PwC, Marine Instruments…- e outras que se incorporan este ano, entre elas Naturgy, Navantia, o Grupo Tragsa ou Coren. “Todas elas son líderes tecnolóxicos que abarcan os sectores IT, a construción, o automóbil e o sanitario”, recalca a coordinadora xeral, quen aclara que, a pesar de ampliar oito postos, axiña se acadou a capacidade máxima e tiveron que deixar fóra varias empresas interesadas en participar.

Actividades nas tres escolas

Se ben o programa definitivo aínda non está pechado, haberá actividades nas tres escolas. Os postos das empresas situaranse nos vestíbulos de Enxeñaría de Minas e da Enerxía e en Industriais, así como nos corredores que conectan a EEME coa EET. Ademais, “estamos traballando arduamente para concentrar todas as actividades relacionadas cos relatorios, obradoiros e Speed Job Dating na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación”, explica a coordinadora xeral, apuntando xa a ampla variedade de iniciativas que acolle o foro destinadas a facilitar a interacción entre as empresas e os futuros titulados e tituladas do ámbito técnico.

Nos tres días que dura o foro está previsto desde unha recollida de currículos, na que os estudantes poden entregar o seu CV ao persoal de recursos humanos das empresas participantes, ata conferencias ás que todo o mundo pode asistir e informarse sobre o funcionamento das empresas de enxeñaría e os últimos avances de determinados sectores, pasando por obradoiros organizados polas empresas nos que se lle propoñen ao alumnado diferentes retos e actividades para comprobar as súas aptitudes e a súa formación transversal.

O “inmenso reto” da coordinación xeral

Asumir a responsabilidade da coordinación xeral do foro é un “inmenso reto” ao que cada ano se enfronta un alumno ou alumna, unha experiencia que normalmente chega cando o estudante está xa no último ano da titulación ou cursando o mestrado, como é o caso de Cañamero, e tras participar en diferentes edicións asumindo responsabilidades variadas. “No meu caso levo catro anos, o primeiro como colaboradora nos días do evento; no segundo, asumín o rol de coordinadora de Institucións, encargándome da comunicación coa dirección das escolas; o curso pasado exercín de coordinadora de organización, xestionando as tarefas das diferentes coordinacións e, este ano, tiven a sorte de converterme en coordinadora xeral, sendo a cara visible e encargándome da xestión do foro a grande escala”.

En canto á decisión de asumir o rol de coordinadora xeral, Cañamero admite que se aledou moito de ser a persoa elixida polos seus compañeiros e compañeiras para exercer este cargo, “foi unha oportunidade que non quixen deixar pasar”, tanto pola  súa idea de achegarlle ao evento “toda a miña experiencia e traballo” como no sentido de “seguir avanzando cara ao meu obxectivo de desenvolver habilidades de xestión para a miña futura traxectoria profesional”.