DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na reunión do padroado do CEER impulsouse a cooperación entre institucións

Fortalecemento de vínculos entre as universidades de Galicia e o norte de Portugal

Asináronse convenios de mobilidade e deportes

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 19/02/2010

A necesidade de cooperar e crear sinerxías entre as comunidades universitarias situadas a ambas beiras do Miño, centrou a reunión do padroado do Centro de Estudos Eurorrexionais(CEER) celebrado hoxe na Universidade de Minho en Braga. A xuntanza na que tomaron parte reitores e vicerreitores das seis universidades galegas e do norte de Portugal, así como representantes da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta, serviu, como confirmou o director do CEER, Carlos Ferrás, “para impulsar o ámbito da Responsabilidade Social”, así como para marcar a folla de ruta da Eurorrexión do Coñecemento "a través da colaboración e a creación de sinerxías entres as universidades de ambos lados do Minho”.
No transcurso da xuntanza na que se produciu o relevo na presidencia do Centro que pasou de mans so reitor de Santiago, Senén Barro, ás do seu homólogo de Minho, Antonio Cunha, asináronse dous convenios de colaboración, un de mobilidade de estudantes e profesorado das dúas rexións e outro destinado a establecer as bases do 1º Trofeo Interuniversitario de Remo que se celebrará no Miño.

Mobilidade e deporte eurorrexionais

Coa finalidade de afondar no que Senén Barro deu en denominar como a “Eurorrexión do Coñecemento”, os representantes das universidades de Minho, Tras os Montes e Alto Douro, Porto, A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, asinaron un acordo de mobilidade que permitirá desenvolver o Programa de Mobilidade Eurorrexional para Estudos de Posgrao. Trátase dunha iniciativa da Fundación CEER que permitirá a estudantes da Eurorrexión cursar estudos durante un semestre en calquera das outras cinco universidades.
En canto á celebración do I Torneo Interuniversitario de Remo, preténdese, segundo os organizadores “poñer en valor o patrimonio histórico, cultural e etnográfico da Eurorrexión”. O torneo que contará coa participación de equipos das seis universidades da Eurorrexión preténdese que teña un carácter semellante ao que se celebra entre Oxford e Cambridge. Nestes caso tamén participaron na sinatura do convenio ademais das universidades, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, o Instituto do Deporte de Portugal, o Concello de Tui, a Cámara Municipal de Valença, as federacións galega e lusa de Piragüismo, a Asociación de Piragüismo do Minho, Caixa Galicia e Fundación CEER.