DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre os dous eventos daranse cita na cidade e o campus arredor de 650 persoas

O Forum FISU e o Mundial Universitario de Taekwondo proxectarán a visibilidade internacional de Vigo

Para a vicerreitora Mª Carmen Cabeza servirán para demostrar que “somos quen de organizar grandes ev

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 17/06/2010

A escasos días para o comezo do Forum FISU, e de seguido do Mundial Universitario de Taekwondo, a cidade de Vigo e a Universidade ultiman preparativos para converterse no centro mundial do deporte universitario durante 15 días. Este é o resultado do traballo de moitos meses desenvolto dende o Concello de Vigo e a Universidade para situar “este proxecto de cidade na esfera internacional”, segundo explica a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza. E é que estes dous eventos traerán a Vigo a 188 delegados e un total de 266 representantes de 72 países no caso do Forum FISU e arredor de 400 de 43 nacionalidades no Mundial Universitario de Taekwondo. Así, haberá en Vigo representantes dos cinco continentes e de todas as culturas e bloques, dende o mundo árabe, ata África pasando por América do Norte e do Sur, os países da lusofonía, Asia ou a Commonwealth.
Ambas iniciativas están, segundo a vicerreitora, “enmarcadas no proceso de internacionalización que pretende poñer a Vigo e a súa Universidade no panorama mundial a través do deporte, de manter a súa visibilidade”. Neste mesmo camiño encadrouse tamén a candidatura da Universiada, “unha das cousas máis singulares desta etapa como vicerreitora que, aínda que non deu os froitos esperados, constitúe unha experiencia de aprendizaxe para todos”.
Para a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, a organización de estes dous eventos servirá para demostrar “que somos quen de organizar grandes actos” e destacou o esforzo realizado polo equipo e a importancia da unión de forzas do Concello, da Universidade e da Fundación Vide. Isto entronca cun dos obxectivos da Vicerreitoría, a idea de que Universidade ten que proxectarse de cara á sociedade, a contorna inmediata na que vive, entre outras cousas a través do deporte sobre todo porque está ligado a valores moi positivos de saúde, superación, esforzo... todo isto sen descoidar a misión principal da Vicerreitoría de dar servizo á comunidade universitaria.

Dous eventos de calado internacional

O Forum FISU, que se desenvolverá entre os días 21 e 26 de xuño, traerá a Vigo delegacións de 72 países, cunha alta participación de universidades españolas, “grazas ao apoio encomiable da Confederación de Decanos das Facultades de Educación Física de España”. Este evento vaise desenvolver principalmente no Centro Social Caixanova, sendo a xornada do 23 no campus, día no que ademais de sesións de traballo haberá actividades de lecer e unha feira na que as delegacións van poder presentar os seus proxectos de cara ao deporte universitario. No tocante ás temáticas, este congreso internacional xirará arredor de catro liñas principais: o desenvolvemento dos plans estratéxicos do deporte universitario; a educación e a concienciación medioambiental a través do deporte, “que xa foi un dos valores que quixemos destacar na candidatura da Universiada”; o liderado feminino no deporte universitario, tema que se tratará na xornada a desenvolver no campus e sobre o que a vicerreitora apunta que “queda moito por correr e por xogar sobre este tema”; e o deporte universitario e o seu recoñecemento académico.
Pola súa banda, o Mundial Universitario de Taekwondo botará a andar o 29 de xuño e, ata o 4 de xullo, reunirá en Vigo a 400 representantes de 43 países nas diferentes modalidades e pesos. 23 estados confirmaron a súa presenza mentres outros moitos seguen pechando permisos e visados, como é o caso de Vietnam ou Irán e, entre todos haberá deportistas de 26 universidades españolas. Cabeza salienta ademais da envergadura do campionato as grandes expectativas para o equipo universitario vigués, “despois de acadar oito medallas no español universitario”. Xunto cos universitarios vigueses Rebeca Mariño e Fernando Rascado haberá outros dous galegos que representarán á UNED, Juan Fernández e Estefanía Hernández.

Catro anos de retos e aprendizaxe

Para a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, estas son as últimas semanas no cargo antes da toma de posesión do novo equipo de goberno. Volvendo a vista atrás, define estes catro anos como “un reto e unha aprendizaxe, marcho coa sensación moi positiva de aprender a enfrontarme aos retos”. Desta etapa salienta a demanda por parte da comunidade universitaria de “estar á altura do que debe ser a proposta cultural da Universidade de Vigo”, así como do eido deportivo. Un dos grandes retos neste tempo “foi desenvolver políticas de igualdade de xénero”, dando os primeiros pasos para deseñar un Plan de Igualdade e organizando actividades para que a cultura da igualdade penetre. Cabeza apunta que “moitas veces non son visibles as desigualdade de xénero pero existe un teito de cristal na Universidade, visible no traballo de diagnose que fixeron as profesoras Amada Traba e Luz Varela”. A vicerreitora engadiu que neste tempo se lle agudizou a percepción de realidades nas que antes non reparaba, en particular no tocante ás desigualdades de xénero, “creo que fun máis militante nos anos de vicerreitora que nos anteriores” e avogou por facer políticas activas, “e máis nunha universidade na que hai que formar persoas ofrecendo formación integral, tamén en xénero”.
Con todo, a vicerreitora non quixo deixar de referirse a outro ámbito da igualdade, a que afecta ás persoas con diferentes discapacidades, “un eido no que temos que asegurar a igualdade de acceso á Universidade para todos”. Sobre os estudantes apuntou que “non teño máis que valorar como excelente a calidade do diálogo cos representantes do alumnado”.
Porén, ao longo dos catro anos como vicerreitora recoñece que lle quedou algo no tinteiro, e non foi por non intentalo. Trátase dun Plan de Conciliación da vida laboral e familiar, do que existe un proxecto “pero o contexto non permitiu que iso saíse adiante e collese forma para aprobar a normativa”. De cara ao futuro, Mª del Carmen Cabeza, deixa un consello para o seu sucesor no cargo, “escoitar moito, hai que ter unha actitude moi receptiva porque ademais facilita moito a toma de decisións”.