DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade, Concello, Fundación VIDE, CSD e federacións de taekwondo reuníronse no campus

O Forum FISU terá en Vigo a súa edición máis multitudinaria con asistentes de 62 países

O Mundial Universitario de Taekwondo contará con 34 delegacións e 290 participantes

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 03/02/2010

A cinco meses da celebración do Forum FISU e do Mundial Universitario de Taekwondo, as entidades promotoras de ambos eventos seguen avanzando nos aspectos organizativos dos mesmos e xa se pode confirmar que o Forum terá na súa edición de Vigo a máis multitudinaria da historia. Entre o 21 e o 26 de xuño daranse cita na cidade arredor de 400 asistentes de 62 países dos cinco continentes. Segundo explicou a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª Carmen Cabeza, tras a xornada de traballo celebrada este mércores no campus, “a aposta da organización é por implicar e estimular a participación das universidades portuguesas e tamén das españolas neste foro do deporte universitario pero, sobre todo, o comité da FISU aposta por darlle ao evento un acento latinoamericano”. Para isto decidiuse establecer colaboracións estreitas cos países do continente que o precisen para favorecer a súa presenza en Vigo no mes de xuño.
A esta xuntanza de traballo asistiron representantes da Universidade, do Concello, da Fundación Vigo en Deporte (VIDE) e dous membros do Consello Superior de Deportes así como das federación española e galega de taekwondo. No transcurso da mesma avanzouse tamén noutros temas de tipo organizativo como aqueles relativos aos desprazamentos e visados dos participantes e “tentaránselle facilitar os trámites a aquelas delegacións que teñan problemas para acadar os permisos precisos”.

O Forum FISU, epicentro do deporte universitario

O programa de actividades do Forum FISU (seminarios, conferencias e debates) repartiranse entre o Centro Social e o Centro Cultural de Caixanova e o campus universitario baixo o lema Deporte universitario, unha plataforma para o cambio. Ao longo dos seis días que dura este simposio afondarase en cuestións que permitan o avance do deporte universitario e, a través del, da sociedade en xeral. Segundo apuntou Cabeza, avanzouse moito na organización científica, “nas propostas dos tema e dos ponentes” pero agora a organización está en contacto coa confederación de decanos de facultades de Ciencias da Actividade Física e do Deporte “para dinamizar os contidos das mesas de debate”.
Concretamente, o día 23 será integramente universitario e, mentres o Paraninfo da Reitoría acolle o debate sobre Muller e deporte universitario, no Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria celebrarase a Feira de pósters, un encontro de todas as universidades participantes no que cada unha presentará os seus programas de estudos, culturais e deportivos. Segundo apuntou a vicerreitora, paralelamente ao longo desa xornada desenvolverase tamén “unha sesión de xogos tradicionais galegos”.

Mundial Universitario de Taekwondo

A celebración de estes dous eventos deportivos converterán a Vigo entre os días 21 de xuño e 4 de xullo no centro mundial do deporte universitario. Tras a celebración do Forum botará a andar o Campionato do Mundo Universitario de Taekwondo, do 29 de xuño ao 4 de xullo, no que participarán delegacións de 34 países, o que supón un total de arredor de 300 asistentes.
Na xuntanza deste mércores, a tarde dedicouse a avanzar na organización deste campionato que terá como sede o pavillón de As Travesas. Este será tamén unha nova oportunidade para que o equipo da Universidade de Vigo se consolide como unha potencia mundial, despois de obter doce medallas no campionato europeo celebrado en Braga no pasado mes de decembro.

Aposta polo voluntariado

Para o desenvolvemento de ambos eventos, a implicación de voluntarios é unha baza moi importante que a Universidade está apostado por xogar. Xa no primeiro cuadrimestre, dentro da programación dos obradoiros impartiuse un encamiñado a formar á comunidade universitaria no campo do voluntariado deportivo, “coa vista posta tanto no forum como no mundial, pero tamén na carreira 10 Km Cidade Universitaria”, subliñou a vicerreitora. De cara ao segundo cuadrimestre, e tras o éxito da primeira edición, volverase a ofrecer esta actividade que achegue aos estudantes a colaborar neste tipo de eventos.