DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bota a andar a undécima edición deste evento que se celebra esta semana nos tres campus

ForumEmprego 2012, unha guía para captar as oportunidades laborais que ofrece Europa

Ao abeiro destas xornadas, máis de 5000 estudantes da Universidade elaboraron o seu currículo Europa

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 15/05/2012
As crises agudizan o enxeño e abren fronteiras, sobre todo á hora de buscar emprego alén da contorna máis próxima. Pero existen unha serie de ferramentas que axilizan o proceso e aportan informacións de utilidade nesta busca da empregabilidade. Para coñecelas e entender o seu funcionamento, a Universidade de Vigo, en colaboración coa Rede EURES, organiza dende hai once anos o ForumEmprego Universitario, co obxectivo, como explicaba o reitor, Salustiano Mato, no acto de apertura da nova edición, de “proporcionar as ferramentas necesarias para a inserción laboral do estudantado, utilizando como contorna de referencia o espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal”. Estas xornadas desenvólvense ao longo do día de hoxe en Vigo con preto de 130 inscritos e cederán a testemuña mañá mércores ao campus de Ourense e o venres ao de Pontevedra, para o que aínda está aberto o prazo de matrícula.

Competencias imprescindibles

Como explicaba o reitor, “entre as competencias transversais que temos que proporcionar ao noso estudantado está a de desenvolver neles as capacidades necesarias para traballar nun contexto internacional”. Os titulados e tituladas universitarios non poden, segundo Mato, “ignorar esta realidade, mesmo se a decisión é traballar na contorna local, xa que mesmo o tecido produtivo local está completamente integrado nun modelo económico de alcance mundial”.

Na organización deste evento ten unha importancia capital o feito de que a Universidade de Vigo sexa a única de España que conta cunha conselleira da rede EURES de servizos de emprego europeos, Emilia Seoane. A institución conta con esta figura dente 2004 e desenvolve un papel relevante para facilitar a colaboración e cooperación entre os servizos públicos de emprego e o resto dos axentes económicos e sociais representativos da Eurorrexión. Como subliñaba Salustiano Mato, “con este servizo, a comunidade universitaria dispón de información de primeira man sobre a oferta de emprego con vocación transfronteiriza na eurorrexión; sobre as condicións de vida e traballo das traballadoras e traballadores, candidatos ao emprego, estudantes, emprendedores e profesionais transfronteirizos e sobre a oferta de formación e prácticas profesionais a ambos lados da raia”.

Máis de 5000 alumnos e alumnas con currículo Europass

O programa da xornada comezou coa intervención do vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que achegou aos asistentes o programa Erasmus Prácticas que permite ao estudantado realizar estadías pre-profesionais en empresas europeas. Tanto para esta formación como para a busca de emprego unha das ferramentas máis útiles é o currículo Europass, ao que se dedica boa parte das sesións da tarde deste ForumEmprego. Segundo indicou o vicerreitor, nos anos que leva celebrándose este foro preto de “5000 estudantes da Universidade elaboraron este documento, o que fai que a nosa institución sexa a máis activa de Galicia e a que conta con xente mellor preparada para este tipo de empregos”. Fernández Iglesias incidiu tamén no traballo que se está a levar a cabo dende a súa vicerreitoría para unir todas as ferramentas e servizos para a empregabilidade en Europa nunha web e animou aos asistentes a ampliar as súas miras e “a poñer o mundo como o voso campo de xogo”.

Xunto con el e o reitor, o acto inaugural contou coa presenza da decana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, sede das xornadas. Ana Pita destacou o compromiso do centro co progreso e a converxencia de Galicia e o norte de Portugal e salientou, coincidindo co reitor, que “o sur sobrevive a pesar da crise e axudará a Galicia a saír adiante traballando xenerosamente polo futuro”.

Programa da xornada

Entre os contidos do ForumEmprego 2012, os asistentes puideron tamén coñecer as oportunidades de mobilidade profesional e laboral con EURES a través de Teresa González Ventín, coordinadora desta rede para Galicia e o norte de Portugal. A Fundación Galicia-Europa colabora tamén nas xornadas cun relatorio sobre as prácticas e saídas laborais na UE e en organizacións internacionais. O programa inclúe tamén a intervención da conselleira EURES Emilia Seoane e da representante do Departamento de Saídas Profesionais da Universidade de Minho e complétase cos obradoiros prácticos de elaboración do currículo europeo Europass.