DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre o 9 e o 13 de febreiro nos tres campus da Universidade

O Forumemprego acada a madurez, na súa oitava edición, cunha cifra récord de máis de 1300 matriculados

Como novidade, os asistentes poderán participar en procesos de selección con empresas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 04/02/2009

A falta de menos dunha semana para o comezo da oitava edición do Forumemprego xa non quedan prazas dispoñibles para o campus de Vigo e para os de Pontevedra e Ourense rexístrase un importante número de matriculados. Os datos confirman a consolidación desta iniciativa como un foro de emprego xa case imprescindible para que os estudantes dos últimos cursos se acheguen á realidade do mercado laboral.
Organizado pola Vicerreitoría de Relacións Institucionais e promovido polo Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, o Forumemprego botou a andar oito anos atrás coa finalidade de proporcionar unha ferramenta para unha mellor e máis rápida incorporación dos alumnos e alumnas ao mundo laboral. Para o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area “estas cifras serven para demostrar o gran coñecemento que sobre o Forumemprego teñen os estudantes, que transmiten boca a boca e ano tras ano o interese desta iniciativa e a súa calidade e utilidade”.
Segundo subliña Emilia Seoane, conselleira Eures da Universidade de Vigo e coordinadora destas xornadas, “esta é unha proba de madurez do foro, tanto polo número de inscritos como polo contido” prestándolle especial atención a Europa como escenario para a formación e o emprego dos universitarios.
Ante o reto de como comezar a busca do primeiro contrato de traballo, neste no Forumemprego poderán coñecer de primeira man algúns programas de prácticas, a importancia da mobilidade, a elaboración de currículos, como enfrontarse a unha entrevista de selección, os nichos de emprego de cara ao futuro ou as necesidades das empresas e o que agardan dos novos titulados.
Como vén sendo habitual, nesta oitava edición, desenvolveranse tres programas de actividades e relatorios diferenciados para os tres campus da Universidade e adaptados ás titulacións que neles se imparten. O Forumemprego botará a andar en Vigo o vindeiro luns día 9 e o martes 10 de febreiro e trasladarase a Pontevedra os días 11 e 12. Ourense, o campus que o viu nacer oito anos atrás porá o punto final a esta edición os días 12 e 13 deste mes.

Éxito de participantes

A matrícula para Vigo pechouse xa o día 29 de xaneiro con 689 matriculados que se repartirán entre o salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais e unha sala acondicionada para seguir os relatorios e as mesas redondas por videoconferencia, debido ao alto número de asistentes que se vai rexistrar neste campus. Pola súa banda, en Pontevedra, que celebra este ano a segunda edición do Forumemprego, hai xa arredor de 200 inscritos e en Ourense 422, o que significa que “entre hoxe e mañá tamén teremos que pechar o prazo”, explica Emilia Seoane. En total, máis de 1300 estudantes dos últimos cursos, de máster, de doutoramento e o CAP, xunto con novos titulados tomarán parte nas actividades dos tres campus, “o que significa que xa nos temos convertido nunha referencia neste eido”, explica a conselleira Eures.

Europa como referente

Ademais das conferencias propias de cada campus, vaise manter ao longo da semana un bloque común centrado en Europa como escenario tanto para a formación como para o emprego dos titulados universitarios. No seu seo impartiranse relatorios centrados na formación dentro do EEES, que impartirá a vicerreitora Carmen García Mateo, sobre o curriculum vitae Europass como modelo para moverse por Europa, a cargo de Emilia Seoane e sobre a mobilidade profesional e laboral con Eures, ponencia que impartirá Teresa González, coordinadora do Eures transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal. O propio vicerreitor Iván Area impartirá unha conferencia centrada no programa Erasmus de prácticas, unha nova iniciativa que permite a un estudante facer prácticas en empresas de calquera país do ámbito Erasmus, algo que segundo Area “lle servirá tamén para valorar máis a riqueza do noso país e esta é unha gran riqueza, ao coñecer outras realidades tamén valoramos o que temos aquí”.
Paralelamente, os asistentes realizarán un traballo práctico que consiste na elaboración do currículum Europass, “un dos requisitos para optar ao programas Erasmus de prácticas e un dos contidos fundamentais que ofrece o Forumemprego”, subliña Iván Area.
O programa complétase, por unha banda, coa presenza do coordinador do Servizo Público de Emprego de Alemaña, Marcus Pfund e, por outra, cunha ponencia sobre a orientación laboral e a xestión de emprego que se ofrece dende a OFOE da Universidade de Vigo. Segundo explica Emilia Seoane, “vaise falar tamén dos programas europeos como oportunidade para os universitarios e de Universia como recurso para o achegamento ao emprego, os seus recursos e utilidades”. Finalmente haberá unha mesa redonda con persoal de departamentos de selección e recursos humanos de empresas e do sector público na que tomarán parte representantes, entre outras, de Deloitte, Garrigues, ITC Grupo, Caixa Galicia, Sogaserso, Oesia ou a Asociación Forestal de Galicia.
Ademais, en cada un dos campus desenvolveranse conferencias e actividades específicas vinculadas ás titulacións que se imparten.

Procesos de selección como novidade

Nesta oitava edición potenciarase este eido relacionado coa selección de persoal, xa que por primeira vez os matriculados terán a oportunidade de entrar dentro dun proceso de selección de persoal dentro do programa do propio Forumemprego. “Ademais de recibir información da man de persoas que se dedican á selección de persoal, nesta ocasión e paralelamente, os asistentes van poder poñer en práctica estes coñecementos realizando o proceso”, explica o vicerreitor de Relacións Institucionais. Entre as empresas que buscarán aos seus futuros empregados nos campus da Universidade de Vigo están o Banco Santander, Caixa Galicia, Deloitte e Garrigues. Para poder participar nestes procesos, segundo subliña Emilia Seoane, “é imprescindible estar matriculado no Forumemprego” ao tempo que é preciso solicitar esta entrevista a través do enderezo web que se atopa no programa das xornadas.
A inscrición é gratuíta e a asistencia validarase por dous créditos de libre elección, sempre que acredite a asistencia ás 30 horas de duración das xornadas e a entrega do currículo Europass á conselleira Eures.
Toda a información sobre esta oitava edición pode consultarse na web do Forumemprego.