DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ourense acolle a primeira sesión desta cita anual dos tres campus

ForumEmprego amosa aos universitarios a tirar o anzol no mercado laboral europeo

As prácticas preprofesionais en empresas da UE, unha fórmula para facer currículo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 18/05/2011
Sen experiencia profesional é moi difícil atopar un emprego. Se non atopas un emprego é difícil coller experiencia profesional. Esta é a dinámica “perversa” do mercado laboral á que se terán que enfrontar os universitarios ao rematar os seus estudos. Para axudar a rachar este círculo, o ForumEmprego 2011. Décimas Xornadas Universitarias de Emprego Galicia/Norte de Portugal comezou este mércores no campus de Ourense presentándolle aos estudantes algunhas alternativas. Entre elas, as prácticas preprofesionais no espazo europeo que ofrecen programas como Erasmus-Prácticas. Cun mercado laboral interno en crise, o Forum anima aos estudantes a tirar o anzol nos mercados comunitarios e a aproveitar todas as oportunidades de adquirir experiencia laboral que lles ofrece o contexto universitario.

O ForumEmprego 2011, organizado pola Vicerreitoría de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo a través do EURES transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, botou a andar en Ourense coa asistencia de arredor de medio cento de persoas, maioritariamente universitarios. Na súa inauguración, Emilia Seoane, profesora da Universidade de Vigo e conselleira EURES, salientaba que este ano o Forum “conmemora os seus dez anos de celebración e por este motivo quixemos celebrar a súa primeira sesión no campus de Ourense, onde precisamente naceu hai unha década”. Con este recordo aos dez anos de traballo e aos miles de estudantes que se beneficiaron desta iniciativa deu comezo o Forum, que se repetirá, co mesmo programa e relatores, o xoves no campus de Vigo e o venres no campus de Pontevedra.

Erasmus-Prácticas

Manuel Fernández, vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, foi o encargado de ofrecer a primeira das charlas, centrada nas prácticas preprofesionais no exterior, un dos temas de maior interese entre o público ao tratarse maioritariamente de universitarios. Fernández salientou que estas prácticas poden ser unha excelente oportunidade de “tentar rachar o bucle de que para un posto de traballo vos piden experiencia laboral, experiencia que non vos están dando opción a coller”. Para realizalas, o vicerreitor de Relacións Internacionais explicou que ata o 15 de xuño está aberto o prazo de inscrición na convocatoria do Programa Erasmus-Prácticas, un programa que permite aos universitarios realizar prácticas de tres a seis meses en empresas de 33 países do espazo europeo. “Participar neste programa non só é interesante para adquirir experiencia laboral, senón tamén para practicar idiomas, para adaptarse á realidade laboral doutros países e para que desenvolvades actitudes que se vos van a requirir como profesionais”, advertiu o vicerreitor.

“Comezar a integrarvos no mercado laboral nunha contorna controlada, cun titor na empresa e outro na universidade, pode ser unha boa fórmula para que comecedes e se o facedes noutro país, co que isto significa de enriquecemento persoal e profesional, pois aínda mellor”, explicou Manuel Fernández. En todo caso, animoulles a explorar esta posibilidade sabendo que no proceso de busca de empresa contarán co apoio da Universidade de Vigo e que para os gastos dispoñen de diferentes axudas, xa que habitualmente estas prácticas non remuneradas polas empresas.

Europass e sentido común

Tras esta sesión, o ForumEmprego continuou achegando aos asistentes as oportunidades que ofrece o servizo EURES (EURopean Employment Services) e a Fundación Galicia-Europa. Para incidir no carácter práctico da xornada, o programa do Forum complétase cun relatorio sobre como enfrontar un proceso de selección e unha sesión práctica na que os asistentes aprenden a realizar o seu propio currículo Europass. Este documento, que é o que habitualmente se require no marco europeo, e “moito sentido común”, tal e como sinalou Manuel Fernández, son as ferramentas fundamentais que deben ter os estudantes á hora de enfrontarse ao reto de buscar traballo fóra de España. “O importante é lanzar anzois e agardar a que pique algún e cando así sexa aproveitar a ocasión”, advertiulle aos universitarios o vicerreitor de Relacións Internacionais.