DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xornadas comezarán no campus de Ourense o día 18 de maio

ForumEmprego guiará aos estudantes nas oportunidades laborais da UE

Cada ano asisten arredor de 1000 estudantes a esta iniciativa do EURES transfronteirizo Galicia-Nort

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 12/05/2011
Cun mercado laboral en crise con case cinco millóns de parados, as oportunidades laborais que ofrece a Unión Europea espertan cada día maior interese. Para os universitarios supoñen ademais un aliciente para coller bagaxe noutros contextos profesionais e soltura noutros idiomas. Co obxectivo de amosarlle aos estudantes todos os recursos e ferramentas que teñen á súa disposición neste senso, a Vicerreitoría de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, a través do EURES transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, organiza unha nova edición do ForumEmprego 2011. Décimas Xornadas Universitarias de Emprego Galicia/Norte de Portugal. A cita comeza o día 18 de maio en Ourense.

Segundo explica Emilia Seoane, profesora da Universidade de Vigo e conselleira EURES, o obxectivo desta iniciativa é “guiar aos estudantes e titulados desta institución no escenario europeo de formación e emprego”. Para acadalo, o forum celebrarase, co mesmo programa e en días sucesivos, en cada un dos tres campus. Durante todo un día, os inscritos, que cada ano ascenden a arredor de mil persoas, recibirán información e asesoramento e aprenderán cuestións prácticas, como a realización dun currículo europeo.

Ademais de tratarse da cita anual de encontro entre os estudantes e o mercado laboral europeo, Seoane salienta que este ano é unha edición especial por cumprirse os seus dez anos de celebración. Unha década na que o forum se foi consolidando desde os 300 inscritos na primeira edición ata os preto de 1000 dos últimos anos e nos que o interese por traballar e estudar en Europa foi medrando paulatinamente. Este ano é ademais a primeira edición que se realiza xa cos estudos universitarios adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior.

Programa informativo e práctico

A xornada comezará analizando Europa como escenario para a formación e o emprego dos universitarios. Para facelo, persoal da Vicerreitoría de Relacións Internacionais explicará aos asistentes as prácticas preprofesionais en Europa e Luís Gago, da Fundación Galicia-Europa, falaralles das prácticas e saídas laborais na UE. Para expor as oportunidades que ofrece o servizo EURES (EURopean Employment Services) estarán Teresa González, a súa coordinadora, que explicará cuestións de mobilidade profesional e laboral, e Sonia Troncoso, conselleira EURES do Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal, que falará do portal web da entidade como ferramenta para a busca de emprego en Portugal.

Xa pola tarde, os inscritos aprenderán a afrontar un proceso de selección da man de persoal de Recursos Humanos da consultora Deloitte. Para completar a visión europea, o ForumEmprego 2011 contará coa participación de Beatriz Sevillano, directora de Emprego e Formación de UNIVERSIA, e de Ana Ramos, de Eurydice, a rede europea de información sobre educación. Por último, os asistentes aprenderán a realizar o seu propio currículo Europass, “recurso imprescindible para a mobilidade na formación e no emprego na EU, que nas últimas edicións do ForumEmprego xa realizaron 5000 alumnos desta Universidade”, salienta Emilia Seoane.

Tendo en conta este amplo programa, a conselleira EURES anima aos estudantes e titulados da Universidade de Vigo a inscribirse nas xornadas e a aproveitar “as oportunidades que teñen grazas a que esta institución é a única universidade española parceira de EURES, unha rede de cooperación entre a Comisión Europea e os servizos públicos de emprego dos Estados membro que ten a función de facilitar información sobre oportunidades de emprego e condicións de vida e traballo no Espazo Económico Europeo”.