DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O día 15 botan a andar as 11 Xornadas Universitarias de Emprego de Galicia e Norte de Portugal

ForumEmprego, obxectivo Europa

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 11/05/2012
Tras once anos ininterrumpidamente ofrecendo unha guía na procura de traballo en Europa, o ForumEmprego Universitario volve aos tres campus da Universidade de Vigo a vindeira semana. Cun índice de paro xuvenil que dobra ao da Unión Europea, os estudantes universitarios dos últimos cursos e os novos egresados depositan nos países do continente moitas das súas expectativas laborais. Para facelas realidade é imprescindible coñecer as ferramentas, programas e iniciativas que se ofrecen na procura dun emprego en Europa, e moitas delas preséntanse nesta undécima edición do ForumEmprego. Organizado pola Vicerreitoría de Relacións Internacionais a través da conselleira Eures da Universidade, Emilia Seoane, estas xornadas pretenden guiar ao estudantado e aos titulados no escenario europeo de formación e emprego. A súe efectividade reflíctese na boa acollida que este foro acada ano tras ano, pasando dos 300 participantes nas primeiras edicións ata os preto de 1000 inscritos cos que adoita contar actualmente entre os campus de Vigo, Ourense e Pontevedra.

O vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández, explica que “entre as competencias transversais que temos que desenvolver no noso estudantado está a de desenvolver neles as capacidades necesarias para traballar nun contexto internacional”. Para o responsable da mobilidade universitaria, “os titulados non poden ignorar esta realidade, mesmo se a decisión é traballar na contorna local, xa que mesmo o tecido produtivo local está completamente integrado nun modelo económico de alcance mundial”. Por iso, esta iniciativa pretende proporcionar as ferramentas necesarias, utilizando como contorna de referencia o espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal. A cita será en Vigo o día 15 de maio, en Ourense o 16 e en Pontevedra o 18.

Programa formativo

O programa do ForumEmprego Universitario reprodúcese nos tres campus da Universidade e fai un repaso polos programas de mobilidade como o Erasmus Prácticas e os recursos propios da institución viguesa. Por outra banda presentarase tamén o servizo público de emprego europeo, EURES, da man da súa coordinadora para Galicia-Norte de Portugal, Teresa González Ventín. Ao longo da xornada afondarase tamén no valor de realizar prácticas pre-profesionais na Unión Europea e en organizacións internacionais, así como nas competencias transversais no acceso ao mercado de traballo. Xa na quenda de tarde realizarase unha posta en común de experiencias de intercambio a cargo de alumnos e alumnas da Universidade que teñen participado no programa Erasmus Prácticas. A parte máis práctica consistirá na redacción dun currículo Europass, a cargo da conselleira EURES da Universidade, Emilia Seoane, que amosará aos asistentes como elaboralo, os aspectos máis salientables, cando empregalo, as súas vantaxes e a súa relevancia como recurso para a mobilidade na formación e no emprego.

As xornadas terán unha duración total de 20 horas e teñen o recoñecemento dun crédito de libre configuración. A matrícula é de balde e pode realizarse a través da web das xornadas.