DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola vicerreitoría de RR.II e promovido polo EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Port

O Forumemprego pecha a súa 8ª edición no campus con máis de 500 matriculados

As xornadas afondaron en Europa como escenario para a formación e o emprego

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 13/02/2009

A oitava edición do Forumemprego pecha as súas portas este venres e despídese ata o ano próximo cun bo sabor de boca. Tras unha semana de periplo polos tres campus cun cheo absoluto, os organizadores amósanse moi satisfeitos cos resultados obtidos e pola acollida que recibiron por parte dos estudantes. En total 516 foron os inscritos para participar nesta actividade no campus de Ourense, unha cifra que “reflicte o grande interese por asistir”, indicou Emilia Seoane, conselleira EURES e profesora da Universidade. Sen embargo, hai que destacar que “en Ourense foi onde empezaron as xornadas e polo tanto temos acadado un nivel de madurez superior que noutros campus”.
O éxito do Forumemprego radica, segundo Seoane, no “tratamento de temas de actualidade e de necesidade dos estudantes para moverse polo espazo europeo”. Precisamente, o obxectivo das xornadas “é falar de Europa como escenario para a formación e o emprego dos universitarios, facendo referencia aos recursos de mobilidade e aos proxectos e cometidos de EURES, por iso as intervencións complétanse unhas con outras”.
Pola súa banda, Teresa González, coordinadora do EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, subliñou que “as xornadas amosan aos futuros titulados as posibilidades e os instrumentos que existen para a súa incorporación ao mercado de emprego transnacional e transfronteirizo”. Destacou ademais a importancia de que “os estudantes consideren a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como o seu espazo natural de procura de emprego”. Tras as xornadas “existe un incremento das consultas neste sentido”, afirmou González, e máis, “a vontade de mobilidade dos estudantes é maior que hai oito anos cando comezara o Forumemprego”.
Mentres, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, enmarcou ao Forumemprego dentro da “oferta formativa aos nosos estudantes”. Unha actividade que “é posible grazas a colaboración co EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, unha das claves que nos permite desenvolver actividades relacionadas co emprego e claramente orientadas aos alumnos”. No momento actual de recesión económica “coñecer de primeira man o punto de vista do empresariado, como son os procesos de selección, o tipo de perfil que se busca e como afrontar unha entrevista de traballo é algo moi importante”.

O Erasmus prácticas

O primeiro orador da mañá Iván Area, foi o encargado de dar a coñecer no campus ourensán o Erasmus prácticas, “unha nova acción da Universidade de Vigo que consiste en que o estudantado poida ir a facer prácticas no estranxeiro”. Na opinión do vicerreitor “esta é unha vía de internacionalización das universidades e mesmo das empresas galegas, que poderán acoller a estudantes doutros países”.
Area comezou a súa intervención facendo unha diferenciación entre o Erasmus estudo e a nova iniciativa e a continuación pasou a comentar polo miúdo os requisitos para acceder á convocatoria do Erasmus prácticas que se vai a presentar nas próximas semanas e que ofrecerá nove bolsas cunha duración de tres a seis meses. Non se esqueceu Area de comentar un dos aspectos que máis preocupa aos estudantes á hora de marchar ao estranxeiro como son as condicións económicas. Así destacou que existen tres vías de financiamento básicas, a axuda Erasmus que oscila entre os 628 e os 440 euros o primeiro mes e os 420 e os 356 euros o segundo, dependendo se o país de acollida é do grupo A ou B; unha axuda única complementaria da Universidade de Vigo que oscilará entre os 75 e 400 euros e, por último, outro tipo de axudas que poida ofrecer a propia empresa.
Xa para rematar Area fixo referencia aos criterios de selección dos candidatos “xa que só temos nove bolsas”. En primeiro lugar primará o expediente académico, a continuación a proba de coñecemento de idioma e, por último, o currículo vitae Europass e a motivación do solicitante. Sobre este último aspecto, o vicerreitor destacou “a necesidade de coñecer e saber empregar este modelo de currículo polo que Emilia Seoane dende o EURES leva tanto tempo apostando e que explicará na súa intervención”.

Os novos títulos universitarios

A conferencia que suscitou máis preguntas por parte dos asistentes foi a ofrecida por Inma Prieto, directora da Área de Adaptación ao EEES da Vicerreitoría de Titulacións e Converxencia Europea. No seu relatorio, Prieto afondou nos novos títulos universitarios ao abeiro do EEES, tratando de “clarificar o panorama actual e como vai a evolucionar”. A súa intervención comezou facendo un repaso “ao proceso de construción do sistema europeo de educación superior e ás distintas etapas ao longo das cales se puxeron as bases que o apuntalan”. A finalidade que persegue a creación deste espazo común é a de lograr unha única estrutura de títulos universitarios que “sexan comparables e recoñecibles cos do resto de Europa”. Outro dos elementos que traerá consigo o EEES e que persegue, ao igual que o anterior, a mobilidade laboral e profesional é o Suplemento Europeo ao Título, “un certificado de estudos que será igual para todos os países e no que se incluirá información sobre a natureza do título, as competencias acadadas ou as saídas profesionais entre outros datos”, sinalou. Tal e como comentaría posteriormente Emilia Seoane na súa intervención, este é un dos documentos que “forma parte do paquete Europass recoñecido pola Comisión Europea”.
Prieto tamén fixo referencia á situación actual da Universidade de Vigo “que se atopa inmersa no proceso de transformación das actuais titulacións aos títulos de grao”. Neste senso destacou, para tranquilidade dos presentes, que “os títulos obtidos ata agora manterán todos os seus efectos académicos e profesionais”.

A mobilidade profesional e laboral con EURES

Moitos dos asistentes quizais descoñecían ata a intervención de Teresa González a existencia “dun instrumento que permite coñecer as ofertas de emprego do estranxeiro e que serve para poñer en común a todos os servizos de emprego do Espazo Económico Europeo (EEE)”. Esta rede é o que se coñece como EURES (EURopean Employement Services) e foi creada no ano 1994 pola Comisión Europea para “proporcionar información e asesoramento á contratación a traballadores e empresarios”, indicou González. A importancia dun servizo coma este nun momento no que se destrúe máis emprego do que se xera “é crecente, xa que nos permite ampliar o noso espazo de búsqueda para empregarnos”.
EURES serve tanto a empresarios, difundindo gratuitamente as súas ofertas de emprego, informándoos sobre a lexislación existente en materia social, laboral e fiscal relacionada coa contratación de persoal e permitíndolles o acceso ao currículo vitae en liña de miles de candidatos; como a demandantes de traballo, proporcionándolles información sobre ofertas de emprego de calquera país e sobre as condicións de vida e de traballo lugar ao que desexa trasladarse.
Debido á existencia de rexións transfronteirizas nas que o desprazamento de traballadores dun lugar a outro da raia é moi habitual, a Comisión Europea creo o EURES Transfronteirizo, que “traballa nesas zonas que teñen unhas necesidades especiais”. Existen 22 estruturas destas características e, en concreto, en España hai dúas, a de Galicia co Norte de Portugal e a de Cataluña con Francia.

O currículo vitae Europass

Emilia Seoane foi a encargada de afondar nun aspecto moi relevante para poder moverse por Europa como é o currículo vitae Europass. Un documento que se atopa dentro do paquete Europass, un marco comunitario para a transparencia das cualificacións e das competencias e no que se inclúen outros catro documentos: o pasaporte de linguas, o suplemento ao título/certificado, o suplemento ao título superior e o documento de mobilidade.
O CV Europass permite “presentar de modo sistemático, cronolóxico e flexible as cualificacións, as capacidades e as competencias de cada individuo”, entendendo por competencias a demostrada capacidade para empregar coñecementos, destrezas e habilidades persoais, sociais e metodolóxicas en situacións de traballo ou estudo e no desenvolvemento profesional e persoal que se define no Marco Europeo de Cualificacións. Tras presentar as estratexias para cumprimentar axeitadamente este documento e facer un repaso aos distintos apartados que contén o CV Europass, Seoane destacou as súas vantaxes, entre as que se contan “a unificación e harmonización dun modelo de currículo que ademais está regulado e recoñecido en toda Europa”.
A orientación laboral na Universidade de Vigo, o acceso ao emprego na administración pública e a análise do que se espera dos universitarios no mercado laboral, a cargo de persoal dos departamentos de selección e recursos humanos de varias empresas, puxeron o punto final á segunda e derradeira xornada do Forumemprego no campus de Ourense.