DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense conmemorou o 8 de marzo inaugurando unha mostra e celebrando un obradoiro

Fotógrafas fotografadas para botar unha ollada á igualdade

A programación continuará a vindeira semana coa visita da Premio Nobel Ada Yonath

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 08/03/2013

“O 8 de marzo é unha data para lembrar que a igualdade aínda está por conseguirse, que non é real, e que non podemos baixar a garda na súa reivindicación”. Deste xeito explicaba María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, a importancia de, no Día Internacional da Muller, visibilizar o seu papel no eido público e privado e reclamar o que xénero non sexa unha causa de diferenciación á hora de falar de dereitos. Con este obxectivo, inaugurouse este venres no Edificio de Ferro a exposición Mulleres vistas por mulleres, unha mirada de xénero (VIII edición) e celebrouse o Obradoiro Quérete.

A mostra, que consta de tres lonas, está situada nun dos laterais do edificio e está formada por imaxes de fotógrafas fotografadas por outras mulleres. “Trátase de 66 imaxes de 44 fotógrafas de todo o mundo que forman parte da iniciativa Cidade de Mulleres e que pretenden amosar o protagonismo das mulleres diante e detrás da cámara”, destacou Miguel Doval, responsable da asociación Anacos da Cidade que realizou os materiais expostos a partir da mostra virtual que o proxecto ten na súa web. A exposición, apuntan os seus promotores, ten como obxectivo, a través dunha serie de imaxes fotográficas captadas por mulleres, ofrecer a visión que estas teñen do seu xénero, do seu ser e estar muller e da súa posición no mundo.

Ademais desta exposición, o Edificio de Ferro tamén acolleu a celebración do Obradoiro Quérete, impartido por Millán Brea, educador social do Centro Quérote+ de Ourense. A iniciativa, aberta a todas as persoas interesadas, afondou, a través de diferentes dinámicas, no modelo de muller que ofrece a sociedade, nos estereotipos e roles femininos ao longo da historia, nos modelos que condicionan ás mulleres e na importancia de coñecerse e de aceptarse, entre outras cuestións.

Un compromiso de moito máis que un día

“En temos difíciles coma os que vivimos, máis que nunca necesitamos destes tipo de actos de reivindicación para non deixar que a crise económica sexa un paso atrás na loita pola igualdade, en todo o que temos conseguido ata o de agora. A cuestión de xénero é para este campus un aspecto transversal que se materializa na existencia dunha comisión de igualdade e en actuacións ao longo do curso, no só no día de hoxe”, subliñou María Lameiras. Proba deste compromiso, explicou, é que a programación co gallo do 8 de marzo non se circunscribe a este día, senón que comezou o día 6 e continuará ata o 20 de abril.

O acto estrela destas actividades, lembrou María Lameiras, será precisamente a visita o día 12 de marzo de Ada Yonath, Premio Nobel de Química no ano 2009, que se achegará ata a cidade das Burgas para falar de ciencia, da muller e a ciencia e dos froitos que dá a curiosidade innata dos investigadores. A Premio Nobel desenvolverá unha intensa actividade no campus. Pola mañá, ás 12.00 h, reunirase con escolares e docentes de centros educativos da cidade para espertar o seu interese pola ciencia e o coñecemento. Ás 13.00 h impartirá un seminario científico ao que están convidados a asistir os investigadores da Universidade de Vigo e de fóra dela que o desexen. Xa pola tarde, ofrecerá unha conferencia divulgativa e aberta a toda a cidadanía titulada Os froitos da curiosidade. A súa intervención, ás 19.00 h, realizarase no salón Marie Curie do campus, salón ao que se lle puxo en 2011 o nome da científica lendo unhas palabras escritas precisamente para a ocasión pola propia Yonath.