DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de artistas independentes exporá a súa obra no Pavillón da Asociación de Estudantes

A fotografía chega ás noites do campus coa videoproxección de "Los Purificados"

A iniciativa enmárcase dentro do "Outono fotográfico"

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 15/11/2007

Ao caer a noite, invade o campus unha novidosa exposición fotográfica. Por unha vez os receptores da arte son os muros exteriores e non as paredes dunha sala. Tampouco estamos a falar de fotografías en formato físico senón que as imaxes veranse proxectadas nos cristais do Pavillón das Asociacións de Estudantes.
Enmarcada dentro do “Outono fotográfico” chega a Ourense a videoproxección de “Los Purificados”, un grupo de fotógrafos e artistas independentes que tentan buscar novas vías de expresar coas súas obras.
O colectivo, creado a principios de ano, xurde ante a dificultade de expoñer en circuítos tradicionais e a necesidade de atopar alternativas en distintos soportes para a fotografía artística. Está composto por uns 60 fotógrafos de todo o territorio nacional ademais do estranxeiro, aínda que na proxección participan só a metade.
A convocatoria entre eles foi sinxela: obras orixinais, tanto en cor coma en branco e negro, principalmente retratos ou representacións de conceptos coma o amor, o temor ou o público. Cada fotógrafo presentou os seus traballos e cos elixidos montouse un producto audiovisual que se expuxo por primeira vez en Santiago e que agora chega á cidade das Burgas.
Segundo Xacobe Meléndrez, un dos compoñentes de “Los Purificados”, a concepción básica da iniciativa é que “coa proxección logramos sacar as obras á rúa en busca do seu público, rómpese a barreira da sala cerrada tradicional para transmitir o que nós exteriorizamos na casa e achegarllo á xente dun xeito fresco. Ademais abarátanse moito os custes da exposición”.
A proxección poderá verse do 15 de novembro ao 10 de decembro coa caída da noite. Con esta iniciativa estarán presentes en Valencia, Francia e outros lugares por concretar, ademais de ter en marcha outros subproxectos.

Outras exposicións

O “Outono fotográfico” está a achegara o campus múltiples iniciativas artísticas. No edificio da Biblioteca atopámonos tamén coa exposición “Espectronautas” de Jonathan Uliel Saldaña que a través da técnica do collage realiza imaxes oníricas que representan a exploración dos cosmos. Para conseguilo, emprega imaxes de arquivo da NASA e outras axencias espaciais e as mestura con simulacións científicas en 3D. Poderemos disfrutar desta particular visión do sagrado a través da ciencia ficción ata o 30 de novembro.