DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Asociación Syme convoca o V Concurso de Fotografía Ambiental cunha categoría infantil

A fotografía como instrumento para espertar o amor pola natureza nos máis pequenos

Os participantes teñen de prazo ata o 15 de outubro para presentar as súas obras

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Raquel Feijóo DUVI 04/06/2010

A Asociación Medioambiental e Universitaria Syme vén de pór en marcha unha nova edición do Concurso de Fotografía Ambiental, a quinta, cunha novidade importante no programa como é a ampliación da convocatoria a nenos e nenas, que poderán participar no certame a partires dos 8 anos nunha categoría que abranguerá ata os 18 anos. Con esta iniciativa o colectivo quere inculcar nos máis pequenos o amor pola natureza a través da fotografía. Nas palabras do presidente do colectivo, José Antonio Pérez, “queremos transmitirlles aos máis novos o coñecemento do medio ambiente animándoos a que saian na compaña de seus pais e visiten os xardíns, os parques e as zonas verdes para facer fotos, porque pensamos que é unha boa maneira de que estean en contacto coa natureza”, declara. Polo demais, o concurso mantén a categoría para adultos destinada aos maiores de 18 anos e todos eles deberán presentar os seus traballos antes do 15 de outubro de 2010, data límite de entrega, na Facultade de Ciencias do campus ou ben na Concellería de Educación do Concello de Ourense. O certame foi dado a coñecer este venres no transcurso dun acto ao que asistiron Susana Reboreda, directora da Área de Coordinación e Estudantes do campus; Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias e José Antonio Pérez, presidente de Syme.

Unha reflexión sobre o medioambiente

Na súa intervención Susana Reboreda subliñou o labor desenvolvido polo colectivo Syme na organización e desenvolvemento de actividades a prol do medio ambiente, unhas declaracións apoiadas tamén por Pedro Araújo que fixo fincapé na importancia deste concurso, “porque permite facer unha chamada de atención ás nosas conciencias sobre a necesidade dun cambio de actitude e de comportamento da sociedade con respecto ao noso entorno”, declarou. Nesta liña enmárcase a finalidade do concurso que pretende, segundo José Antonio Pérez, “promover unha reflexión sobre o medio ambiente na sociedade en xeral pero tamén nos máis cativos e achegar a cidadanía ao medio natural aumentando o coñecemento da nosa riqueza natural e paisaxística”, afirmou.

Unha edición dedicada á biodiversidade

Esta quinta edición do concurso está dedicada á biodiversidade polo que as obras deberán ter unha temática ambiental valorándose moi especialmente a calidade, a beleza paisaxística e a diversidade existente na imaxe. As fotografías presentadas ao concurso serán avaliadas por un xurado designado a tales efectos e constituído por Pedro Araújo, Benedicto Soto director da Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo e o propio José Antonio Pérez. A súa decisión será inapelable e farase pública antes do día 1 de novembro de 2010. Os premios son os mesmos para cada unha das dúas categorías e consisten nunha cámara de fotos para o primeiro premio, un reprodutor de DVD portátil para o segundo, un disco duro extraíble para o terceiro e cinco accesit. Con todo o xurado poderá declarar o concurso nulo total ou parcialmente se a calidade das fotografías non alcanzase un mínimo.
José Antonio Pérez revelou tamén que o colectivo que preside está a organizar xa máis e novas actividades relacionadas coa fotografía para o vindeiro curso académico entre as que figuran un seminario de fotografía dixital, que se celebrará a finais do mes de setembro ou a comezos de outubro e unha exposición que reunirá as fotos gañadoras do certame así como unha selección das mellores instantáneas de edicións anteriores do concurso.