DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abertos a toda a cidadanía, o prazo para inscribirse está aberto ata o vindeiro 7 de outubro

Fotografía, maxia, teatro... abre a matrícula en 11 obradoiros culturais

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 28/09/2011
Once formas de aprender e divertirse, once actividades complementarias e de lecer para o primeiro cuadrimestre. A Vicerreitoría de Extensión Universitaria ten aberto o prazo de inscrición nos Obradoiros do primeiro cuadrimestre, unha oferta á que pode acceder tanto a comunidade universitaria como as persoas alleas a ela.

Cun programa repleto de clásicos “avalados polo éxito alcanzado nas anteriores convocatorias”, subliñou o técnico superior de Actividades Culturais do campus de Vigo, Alfonso Caride, a oferta inclúe todo tipo de formación. No eido máis estritamente musical volven os clásicos obradoiros de guitarra, impartidos por Francisco Almodovar e Marcos Rivera. Con dúas opcións, unha máis inicial na que facerse cos fundamentos básicos de guitarra, e outra máis avanzada, para aqueles que xa son capaces de tocar algunha melodía ou punteado fácil, con maior ou menor soltura, en ambos casos é imprescindible levar guitarra e, se o que se prefire é unha opción máis “propiamente galega”, podemos optar polo taller de Pandeireta, canto e baile tradicional galego, impartido por María e Luis Prego, do grupo de baile Albendeira de Vigo.

Dende Teatro de Ningures, Pepa Barreiro, será a encargada de iniciar aos interesados no mundo teatral, unha opción á que se lle dará continuidade no segundo cuadrimestre, o que lles permitirá por en escena unha obra dentro da programación da Miteu. Pero se en vez do teatro preferimos os xogos de maxia, o Mago Cali, poderá aprendernos varios trucos con papeis, panos, cordas, cartas...

Aposta polo software libre

O obradoiro de Iniciación á edición de vídeo con software gratuíto conforma xunto co de LibreOffice avanzado: a suite ofimática do software libre en galego, a aposta da Universidade polas ferramentas gratuítas de software libre nos seus cursos. Ambos talleres, xunto co de fotografía dixital, permitirán aos asistentes avanzar na elaboración de obras para os concursos de videocreación e fotografía organizados pola Universidade.

Tamén no eido da tecnoloxía e dirixido sobre todo aos interesados nas tecnoloxías TIC, organízase un ano máis o taller Modelado 3D e Entornos Virtuais: Blender e Sketchup.

Saúde

A saúde tamén está presente na oferta de talleres para este cuadrimestre. Serán profesionais do SPRL do Hospital Xeral Cíes, das universidades de Vigo e Santigo e os bombeiros do Morrazo os encargados de impartir un taller sobre prevención de riscos laborais no que se tratarán de achegar os conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, incluíndo a visita á algunha empresa.

Para tomar conciencia da necesidade do coidado da voz, Pablo García, porá en marcha no obradoiro Ortofonía: coidados e hixiene da voz, diferentes exercicios que permitirán aos asistentes aprender a potenciar as posibilidades da súa voz, algo que pode resultar de especial interese en determinados labores profesionais.

Prazos e prezos

O período de matrícula para os obradoiros permanecerá aberto ata o vindeiro 7 de outubro e o prezo será de 40 euros para o público en xeral, 30 para a comunidade universitaria e 20 para o alumnado bolseiro da Universidade de Vigo.

Cunha duración de 30 horas, os asistentes ao curso poderán validalo por dous créditos de libre elección ou 1 crédito ECTS.