DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As II Xornadas do Ciclo A Historia no Medio analizan este xoves e venres o uso das TIC en historia

A fotografía do pasado tómase coas últimas tecnoloxías

Estudantes e profesionais póñense ao día no uso de técnicas como a fotogrametría

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 04/04/2013

A historia constrúese ollando o pasado pero esa ollada, se quere ser o máis precisa posible, necesita cada día máis recorrer ás últimas tecnoloxías. A fotogrametría, as reconstrucións tridimensionais, os xeoradares, as aplicacións ou as redes sociais son ferramentas que cada día máis están a facerse un oco no traballo de historiadores e arqueólogos. Para coñecer as súas vantaxes e desvantaxes e para ver a súa aplicación en casos concretos, a Facultade de Historia do campus de Ourense celebra este xoves e venres as II Xornadas do Ciclo A Historia no Medio, que nesta ocasión levan por título e tema A historia a través das novas tecnoloxías.

Reconstrucións con fotos aéreas e outras técnicas

Enrique Cerrillo, investigador do CSIC, e David Hernández, de Arbotante Patrimonio e Innovación, foron dous dos primeiros relatores que abriron este xoves as xornadas falando dunha ferramenta cada vez máis empregada no eido da arqueoloxía como é a fotogrametría, unha técnica que permite coñecer as propiedades xeométricas dos obxectos e dos espazos a partir de imaxes fotográficas. “Fronte aos custe do uso do láser escáner en 3D, esta técnica é moito máis barata porque se emprega unha cámara de fotos e software libre para facer o modelado tridimensional”, destacou David Hernández, que destaca o interese crecente dos arqueólogos polo uso desta técnica debido á necesidade de buscar solucións máis económicas ante os recortes en investigación.

Como exemplo do uso desta tecnoloxía, Enrique Cerrillo presentou aos asistentes a réplica dixital realizada polo CSIC dunha paisaxe desaparecida como son os dolmens de Alconétar, en Cáceres. A partir das imaxes aéreas tomadas en 1957 por avións do exército americano e grazas ao emprego de sistemas de información xeográfica, os investigadores deste centro puideron realizar unha reconstrución topográfica da zona e da súa contorna, agora inundada por un gran lago artificial. “O interesante deste proxecto é que combina o uso de métodos tradicionais, como fontes escritas, cartografía histórica e imaxes antigas, con técnicas actuais, como a fotogrametría aérea, os sistemas de información xeográfica e os GPS, entre outros”, explicou o investigador.

Alén desta técnica, os asistentes tamén terán a oportunidade de coñecer estes dous días de xornadas temas como as aplicacións para móbiles que permiten a difusión patrimonial, a creación de contidos audiovisuais, as infraestruturas de datos espaciais, as aplicacións do láser escáner e do xeoradar no ámbito arqueolóxico, o rexistro de arte rupestre, os programas de xestión bibliográfica, o libre acceso á literatura científica, a realidade aumentada, a protección de datos ou a creación de contidos audiovisuais. Para falar destes temas achegaranse a Ourense un amplo e multidisciplinar abano de profesionais procedentes tanto do eido público coma privado e de diferentes sectores. Entre os participantes estarán a docente Anna Amorós, a xornalista Comba Campoy, a arqueóloga Alicia Colmenero, o enxeñeiro en telecomunicacións Martín López Nores, o creativo Xosé Teiga, o técnico do Cesga Emilio Abad e a directora da Otri da Universidade de Vigo, Ángeles López.

A historia que mira para adiante

Con estes contidos e estes relatores, o ciclo, explicou Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia, quere contribuír a completar a formación dos actuais e futuros historiadores con contidos de novo desenvolvemento, que aínda non están incorporados aos programas de ensino pola súa especialización e innovación pero aos que se van ter que enfrontar na súa vida profesional. “A mensaxe importante que transmiten estas xornadas é que a historia non é algo que quedou atrás, senón que vai cara adiante, que avanza no mellor entendemento do pasado empregando, entre outras ferramentas, as novas tecnoloxías”, destacou María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, durante a inauguración das sesións.