DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría oferta seis obradoiros de formación para o primeiro cuadrimestre

A fotografía publicitaria e de moda seduce no campus

O persoal da Biblioteca do campus impartirá un taller gratuíto na Escola de Enxeñaría Forestal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 13/09/2013
Seis obradoiros de formación dirixidos tanto á comunidade universitaria coma ao público en xeral, oferta para este cuadrimestre a Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Arestora, poucos días despois de abrirse o período de matrícula, é o curso de fotografía publicitaria e de moda que dirixe Mónica Valderrama, e que terá lugar entre o 7 e o 10 de outubro na Facultade de Ciencias da Comunicación, o que está a acaparar o maior número de solicitudes de inscrición. “A demanda desta actividade noutras ocasións foi tan alta que moitos dos interesados e interesadas en participar quedaron fóra ao ofertarmos tan só 20 prazas”, explica a responsable da área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus, Ana Belén Fernández Souto. O alumnado das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes é xunto aos estudantes de Esdemga o perfil máis habitual entre os matriculados neste curso de formación.

Os talleres escolares como espazos de sensibilización é a segunda proposta con maior demanda, segundo salienta a propia Fernández Souto. A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollerá a partires do 19 de setembro este curso “que dotará ao seu estudantado das ferramentas necesarias para atender dun xeito eficaz a aqueles alumnos ou alumnas que presenten unha discapacidade visual”. Por outra banda e co obxecto de axudarlle ao alumnado do campus a realizar en mellores condicións os seus traballos de fin de grao, “a Vicerreitoría proponlles nesta ocasión un obradoiro totalmente gratuíto no que adquirir as habilidades necesarias para xestionar a información”, salienta Fernández Souto. O persoal da Biblioteca do campus será o encargado de impartir esta actividade formativa na Escola de Enxeñaría Forestal entre o 8 e o 25 de outubro.

Máis cursos con gancho

O profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Fernando Ramos participa por primeira vez nestes obradoiros “centrándose na publicidade e o consumo pasando do engano ao delito publicitario pola vía da creatividade”, comenta Fernández Souto. O 6 e 7 de novembro serán as datas nas que se celebre este curso e tamén dúas conferencias vinculadas con esta temática, e incluídas na programación de outono da Vicerreitoría, promovidas polo mesmo docente.

O documental tamén estará presente neste primeiro cuadrimestre da man da recoñecida produtora Isabel Martínez Martínez “que buscará o xeito de que os seus alumnos e alumnas coñezan as principais correntes estilísticas relacionadas do documental retrato de personaxe”, destaca a responsable da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus. A Casa das Campás acollerá este curso entre o 7 e o 10 de outubro.

A última das propostas da Vicerreitoría “é un obradoiro no que Charlotte Mouly auna comunicación, corpo e arte, experimentando o proceso creativo como fonte de expresión, liberación e elaboración do potencial humano”, relata Fernández Souto.

O período de matrícula en todos estes cursos está aberta e formalízase directamente na Casa das Campás. O seu importe oscila entre 30 e os 60 euros, sendo o obradoiro impartido polo persoal da Biblioteca totalmente gratuíto. Os membros da comunidade universitaria e os bolseiros contan con importantes descontos.