DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fotografías antigas e teatro lido despiden o curso da Aula de Maiores

A mostra “Olladas no tempo” poderá visitarse no Edificio de Ferro ata o 10 de xullo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 11/06/2009

Clases, exames, tempo de estudo, coñecemento, excursións, ocio. Son moitas as actividades e vivencias compartidas ao longo dun curso. Todos eses recordos acoden á cabeza no momento de despedirse ata o seguinte ano, pero non é ocasión para poñerse triste, que mellor para rematar que facer unha festa de clausura. Iso foi o que fixeron os estudantes da Aula de Maiores que celebraron o seu paso polas aulas nunha xornada na que se mesturou fotografía, literatura e, como non, gastronomía.
A tarde comezou coa inauguración da mostra Olladas no tempo, unha exposición de fotografía antiga, patrocinada polo Vicerreitoría do campus, que “compila imaxes dos propios alumnos dende 1924 ata 1974”, explicou Josefina Pato, directora da Aula de Maiores. Esta mostra, que se poderá visitar ata o 10 de xullo no Museo Pedagóxico da Facultade de Ciencias da Educación, reflicte aos estudantes da aula en diferentes momentos da súa vida. Os risos e as caras de sorpresa foron constantes durante a apertura, xa que moitos non recoñecían aos seus compañeiros nas imaxes. Tamén houbo momentos para a melancolía polos tempos pasados e para rescatar da memoria a aqueles que xa non están.
Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, presente na inauguración, destacou a importancia da mostra, xa que “tan só hai que ver a cantidade de xente que acudiu para darse conta do seu interese”. A través destas fotografías “recupérase un pouco a memoria e iso gústanos a todos”. O vicerreitor tamén adiantou que esta iniciativa non rematará coa exposición, senón xerarase unha publicación coas fotografías da mostra, “porque merece a pena que queden para a posterioridade”.
Tras a inauguración da exposición chegou o momento da interpretación. A clausura do curso continuou cunha sesión de teatro lido da obra El cartero del rey de Rabindranath Tagore, na que cada personaxe foi interpretado por un alumno do curso. O remate da festa púxoo un aperitivo que se celebrou no Edificio Politécnico e ao que acudiron estudantes e familiares.

Recordos do pasado

A mostra está composta por 117 fotografías que amosan diferentes recordos e momentos das vidas dos estudantes da Aula de Maiores. Miguel Poveda, alumno de segundo curso, foi o encargado de recompilar as imaxes e preparalas para a exposición, aínda que na súa vida cotiá non ten nada que ver co mundo da fotografía.. “Vin que existía a posibilidade, xa que somos maiores, de botar unha ollada a través do tempo e das diferentes épocas que vivimos, rescatando dos baúis do recordo todas as escenas que quedaron atrás”. A mostra estrutúrase por temáticas segundo o que reflicten as imaxes: nenos, rapaces con adultos, a adolescencia, as parellas e noivados, os matrimonios e celebracións, os avós e o servizo militar.
Dada a antigüidade das imaxes, algunhas estaban en mal estado, enrrugadas ou manchadas, polo que tiveron que ser limpadas e amañadas “para retornar á vida”. Ademais, unha a unha, todas as fotografías foron escaneadas para reproducilas co mesmo formato e que a mostra tivese homoxeneidade. Tamén se indica nas imaxes o nome das persoas que aparecen nelas e a data na que foron tomadas, xa que “o tempo cambiounos moito e deste xeito podemos saber quen son os da fotografía”, explica Poveda.
Ao longo do proceso Poveda non estivo só, senón que contou coa colaboración e o apoio do profesor que lle ensinou fotografía, Javier Blanco, “axudoume moito e sen condicións, sobre todo na composición da mostra”.

Ensinar e aprender

O curso remata, sen embargo moitos veranse as caras novamente en setembro. “A maioría dos alumnos repiten ao ano seguinte, poderíamos falar dun 3% de abandono, non máis”, indicou Pato. Tras sete anos en funcionamento, o Programa para Maiores resultou ser todo un éxito, “a miña valoración é moi positiva, tanto alumnos como profesores están moi contentos”, comentou Membiela. A xente que acude a aula “está moi interesada en aprender e iso facilita as cousas”. Son esixentes, pero o seu interese reverte nos profesores, xa que “ensinar e aprender é cousa de dous”. Por iso, Membiela animou “a todo o que queira achegarse a coñecer o programa, porque de seguro quedarán contentos”.