DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición ‘City Blues’ do profesor Jorge Lens exhíbese nestes días na República Dominicana

Fotografías que achegan outra visión das capitais europeas a América Latina

A mostra visitará este ano Guatemala, Costa Rica e Honduras, nun proxecto financiado pola AECID

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 08/01/2019

50 fotografías tomadas en catro capitais europeas, que retratan unha cidade distante de estereotipos ou imaxes turísticas, unha cidade habitada, á que dan sentido aaeds xentes que a habitan e transitan. Esta é a idea sobre a que o fotógrafo e profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Jorge Lens articulou City Blues, unha exposición fotográfica que, da man da Agencia Española para la Cooperación y el Desarrollo (AECID) percorre ao longo de tres anos diferentes países de América Latina. Tras a súa estrea, o pasado mes de setembro, no Centro Cultural de España en El Salvador, este medio cento de fotografías tomadas en Atenas, Londres, Madrid e Lisboa, exhíbense desde novembro no Centro de la Imagen de Santo Domingo, como unha das exposicións que integran a bienal de fotografía PhotoImagen, e neste 2019 visitará en marzo Guatemala, Costa Rica en xullo e, en novembro, Honduras. 

“Para min nace case máis como un proxecto de vida, de volver un pouco a esa función case primaria da fotografía como documento, da fotografía un pouco case como experiencia catárquica, no sentido de que cando fas fotos proxectas os teus medos, os teus soños, as túas ambicións e ilusións...”, sinala Lens dun proxecto que naceu en Londres en 2016, vinculado “a unha idea primixenia de viaxe, de deixarte levar por unha cidade simplemente polos estímulos que che achegue unha rúa, un rótulo, o que sexa...” A partires de aí, estadías en diferentes capitais europeas permitíronlle comezar a dar forma a un proxecto ao que deu o nome de City Blues, “porque é unha visión dunha cidade un pouco bluseira, un pouco tristeira, é unha cidade que soña, pero que tamén lle custa saír adiante, unha cidade con todos os seus defectos e con todas as súas ilusións, unha cidade vivida, habitada...” E foi esta visión precisamente a que espertou o interese da AECID polo proxecto. “Penso que a súa idea era amosar unha cidade europea en América Latina sen tanto estereotipo, sen que sexa unha postal, porque en certo modo ven desa forma a Europa”, apunta Lens, quen recoñece que “unha institución aposte por ti deste xeito está xenial”, posto que contou con “total liberdade e autonomía” á hora de seleccionar as 50 fotos que integran a exposición, nas que as imaxes das catro cidades preséntanse mesturadas entre si, respondendo deste xeito a esa concepción de “urbe global”. 

El Salvador, primeira parada

Ata este domingo 13 de xaneiro, City Blues permanecerá na capital da República Dominicana, trala súa inauguración, a finais de novembro, como parte da programación de Photo Imagen, unha bienal que neste 2018 ten a España como país convidado e protagonista de catro exposicións, as protagonizadas por Lens, Alberto García-Alix, José Manuel Díaz Burgos e a mostra colectiva de fotografía contemporánea Un cierto panorama, que comisaría Jesús Micó. Previamente, estas fotografías puideron contemplarse por primeira vez, nos meses de setembro e outubro, no Centro Cultural de España no Salvador, a primeira parada da itinerancia que a AECID coordina por diferentes cidades de América Latina “onde hai centros culturais de España propios ou asociados”, completándose este percorrido coa organización de diferentes actividades en cada sede, como o coloquio e a visita guiada que desenvolveu en Santo Domingo ou o taller para fotógrafos que levou a cabo en El Salvador. “A experiencia foi moi positiva, son fotógrafos con outras referencias que traballan noutro contexto e foi moi interesante”, recoñece destas actividades complementarias á propia exposición.

Dous anos de percorrido por diante

Tralo seu paso pola República Dominicana, a exposición viaxará en marzo en Guatelamala, trasladarase en xullo a Costa Rica e en novembro poderá verse en Honduras, nun percorrido por diferentes países de América Latina que se estenderá tamén ao ano 2020 e que aínda ten as súas futuras paradas pendentes de definir. “A AECID ten uns 15 centros en América Latina e está previsto que a exposición vaia a tres ou catro este ano e a outros tres ou catro no seguinte”, explica Lens dunha iniciativa que se viu complementada pola edición dun catálogo que suma ás fotografías seleccionadas outra serie de imaxes realizadas en Roma, que por motivos de prazos non puideron incorporarse á exposición. Non en van, recoñece, City Blues é un proxecto que continúa. “Paréceme necesario que estea tamén Berlín, que estea tamén París..., para min é un proxecto aínda aberto”